FACENDA

María Rozas reúnese co voceiro do BNG, Rubén Cela, para trasladarlle unha proposta de ordenanzas fiscais

26/09/2015 A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, reuniuse co voceiro do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao que lle trasladou a proposta do Goberno local sobre as ordenanzas fiscais relativas aos impostos de devindicación anual do próximo exercicio. O Goberno municipal de Compostela Aberta quere duplicar o gasto social no Concello, unha tarefa que pasa por mellorar a eficiencia, xestionar mellor os recursos, combater a fraude e actualizar as ordenanzas fiscais. A edil terá unha xuntanza o próximo luns co voceiro socialista, Paco Reyes, e tamén se reunirá co portavoz popular, Agustín Hernández

Vaise repartir a carga dos impostos de forma máis xusta e equitativa. Deste xeito a proposta pasa por aumentar as bonificacións tanto en contía como en duración para as familias que máis o necesitan, favorecendo os barrios e as parroquias, e fomentando comportamentos respectuosos co medio ambiente.

A proposta inclúe unha recuperación dos recursos que se perderon para as arcas municipais e que deixaron, durante a última lexislatura, de investirse en servizos públicos necesarios. Por unha banda, vanse gravar as propiedades non residenciais máis caras e, por outra, achegar o esforzo fiscal da actividade inmobiliaria á media das cidades galegas.

Outra das propostas pasa por beneficiar o medio rural, incrementando as bonificacións fiscais ás áreas con carencia de servizos básicos. O Goberno local propón rebaixar tamén o IAE das zonas periféricas e rurais de Compostela e, ao mesmo, tempo fomentar o sector industrial. Ademais, estenderanse e ampliaranse as bonificacións para vivenda de protección oficial e para todo tipo de obras de rehabilitación e de mellora da accesibilidade, fomentando o aproveitamento da enerxía solar e o uso de vehículos non contaminantes.

Compartir: