POLÍTICAS SOCIAIS

A I Liga Compostelá de Futbolín remata co Play Off e co Master Compostela Futbolín

24/09/2015 A Concellaría de Políticas Sociais organizou no mes de setembro unha liga de futbolín en catro centros socioculturais diferentes: Cruceiro da Coruña, Castiñeiriño, Conxo e Amio. En cada sede competiron 25 parellas de mozas e mozos. O obxectivo da actividade é ofrecer "actividades de ocio alternativas para mozos e mozas", tal e como asegurou esta mañá a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández.

O campionato celebrouse os sábados pola tarde coa finalidade de ofrecer un ocio de moi alto atractivo para xente nova, pero cun compoñente especial, fóra dos bares e potenciando a actividade dos centros socio culturais. O obxectivo do departamento de prevención de drogas da UMAD é potenciar esta actividade sen que a súa práctica se asocie aos bares e, polo tanto, ao consumo de bebidas alcohólicas. Cada tarde xuntábanse unhas 50 persoas nos centros socioculturais entorno aos dous futbolíns.

Debido a este éxito o domingo 27 de setembro organízase o Master Compostela Futbolín no IES Xelmírez, que reunirá as mellores parellas de futbolín de Galicia e de parte de España. O mesmo sábado haberá unha pequena competición a partir das 16:30 horas na que se disputará o Play Off final dunha liga de rapaces. A gran novidade é o Torneo Mixto, no cal poderá participar calquera parella composta por home e muller. O torneo do domingo contará con dous tipos de categorías, consideradas xa de profesionais.

Direccións relacionadas



Compartir: