COMERCIO

O Concello de Santiago elabora unha guía comercial do barrio de Conxo

04/09/2015 O Concello de Santiago elaborou no verán unha Guía Comercial de Conxo para promocionar os recursos e posibilidades comerciais do barrio. A guía presenta información de interese do barrio, como un mapa orientativo, actividades, os principais monumentos, fitos culturais e patrimoniais ou as súas festas. Ademais, recolle información sobre 177 negocios do barrio, entre comercios, empresas e estabelecementos de hostalería. A guía pode consultarse na web do Departamento de Comercio.

De xeito complementario á publicación da guía comercial e en resposta a unha demanda formulada pola asociación de comerciantes do barrio, Esperta Conxo, o Departamento de Comercio organiza tamén o Obradoiro de Videocreación "Ollando o barrio: son de aquí, miro así", cos obxectivos tanto de achegar as novas tecnoloxías a comerciantes e veciños, mellorando así as súas capacidades e competitividade como a promoción e dinamización socioeconómica do barrio, en tanto as pezas audiovisuais resultantes poderán ser empregadas para a promoción do barrio.

No obradoiro, impartido por Videodinamizarte, cada participante realizará unha peza audiovisual partindo da súa propia idea para plasmar a súa mirada persoal sobre o barrio de Conxo. Con este traballo práctico, comerciantes, empresarios ou veciños poderán introducirse nas técnicas da creatividade audiovisual e coñecer as posibilidades dos medios audiovisuais para a promoción do barrio e os seus negocios.

O obradoiro ten 12 prazas, sete das cales resérvanse a comerciantes e empresarios do barrio e as outras cinco á veciñanza de Conxo. Se non se cubriran as prazas poderá participar calquera persoa interesada, tendo prioridade en todo caso as persoas vencelladas ao barrio. As datas e horarios poden consultarse na web do Departamento de Comercio. A data límite de inscrición é o 18 de setembro. A inscrición pode facerse cubrindo o formulario online habilitado ao efecto.

O barrio de Conxo é só unha parte da parroquia do mesmo nome, pero representa o seu corazón e é o seu referente. Aquí se sitúan o mosteiro e a vella Estación de Cornes, que representan algúns dos principais fitos da súa historia. Esta desenvolveuse a partir dos pequenos casaríos medievais esparexidos nos camiños que unían Santiago co mosteiro e este coas aldeas do val do Sar.

No século XIX, ao fío da capitalidade municipal e do ferrocarril, en Conxo agromou un núcleo urbano moi dinámico cuxa traza aínda pode albiscarse no eixe conformado polas actuais rúas García Prieto e Sánchez Freire e no Campo de Conxo. No barrio perduran non só o rueiro e algunhas construcións antigas, senón tamén o bulebule dos pequenos negocios e obradoiros tradicionais.

Documentos relacionados



Compartir: