EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello destinou 200.000 á execución do plan de obras de verán nos centros educativos

03/09/2015 O alcalde, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deron conta do plan de obras deste verán 2015 nos centros de ensino de infantil e primaria de Santiago de Compostela. O Concello investiu 202.142 euros nestas obras de verán, do total de 400.000 euros destinados por Educación a este tipo de traballos de mantemento e reparación no curso 2014-2015.

Noriega expresou a súa satisfacción polo "cumprimento das demandas dos centros escolares e pola boa execución destas obras". Así, afirmou ser consciente das "deficiencias estruturais" que presentan algúns colexios, pero tamén de que estas obras máis pequenas son "moi necesarias". Así o referendou tamén Manuel Dios, quen destacou a celeridade coa que se realizaron estas obras, que respondían ás prioridades fixadas polos propios directores e ANPAS dos centros educativos.

Realizáronse traballos en 13 centros de educación infantil e primaria: Apóstolo Santiago, Arquitecto Casas Novoa, Fontiñas, Lamas de Abade, López Ferreiro, Monte dos Postes, Pío XII, Raíña Fabiola, Rodríguez Xixirei, Roxos-Villestro, Vite, Cardeal Quiroga Palacios e Ramón Cabanillas. Tamén se actuou nas tres escolas rurais (Gaioso-O Eixo, Rial-Laraño e Sisto-Marrozos) e nas seis escolas infantís: as tres municipais (Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños) e as de San San Roque, Tras-Parlamento e Tambre). Ademais, afrontáronse obras na Escola Municipal de Música, no Centro de Interpretación do Medio Rural da Portela e na Ludoteca de Fontiñas.

Acometéronse labores de mantemento de edificios, terreos e instalación. Así, nos edificios, realizáronse pequenas reparacións en estruturas, mantemento en varadas e accesorios, arranxos de cerramentos exteriores, pequenas reparacións en falsos teitos, mantemento en portas, fiestras e persianas, reparación e substitución de aparellos sanitarios, pequenas reparacións en tabiques divisorios, pintados interiores e exteriores, etc.

Os labores no exterior dos centros abrangueron cuestións como o mantemento de zonas verdes; a reparación de pavimentos, ramplas ou escaleiras; o mantemento dos areeiros; a reparación en mobiliario exterior ou o arranxo e substitución de peches, muros e os seus elementos. En canto ás instalacións, os traballos tiveron que ver sobre todo coa seguridade e bo funcionamento das instalación eléctricas e das redes de evacuación de augas.

Todas estas actuacións realizadas nos meses de xullo e agosto formaron parte do servizo de conservación, reparación e pequenas reformas subscrito polo Concello de Santiago coa empresa Espina & Delfin.

Manuel Dios deu conta tamén das obras que puxo en marcha a Consellería de Educación, que suman un investimento de 1.136.723 euros. Entre estas destacou as de ampliación do CEIP Roxos-Villestro, por máis de 700.000 euros, e do CEIP Monte dos Postes, por 309.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: