DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

O Concello destina 100.000 euros a unha liña de axudas para novos proxectos empresariais

02/09/2015 O obxectivo da Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo é dinamizar o tecido empresarial de Santiago. Para isto, o Departamento de Promoción Económica municipal está deseñando Compostela Móvese, un novo programa que coordinará todas as actividades vinculadas co fomento da actividade empresarial na cidade.

A primeira medida de Compostela Móvese diríxese ás persoas emprendedoras, que dende o Goberno municipal considéranse un colectivo fundamental para o desenvolvemento do tecido económico da cidade. Consiste nunha liña de axudas ás novas empresas e novas iniciativas de autoemprego, cun orzamento total de 100.000 euros.

Para a concesión das axudas estudarase o proxecto empresarial, no que se valorará especialmente a contribución do novo negocio ao desenvolvemento de sectores estratéxicos da economía de Santiago, como as industrias creativas, novos produtos turísticos, prestacións de servizos para mellorar a calidade de vida da cidadanía ou actividades baseadas na explotación comercial de resultados de proxectos de investigación da USC.

O máximo de axuda por empresa ascende aos 5.000 euros e os capítulos subvencionables son: custo de persoal contratado por conta allea, cotas de autónomos do empresario individual e socios e cotas das mutuas dos colexios profesionais; compras de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos; gastos de investigación e desenvolvemento; arrendamentos e canons; reparacións e conservacións; servizos profesionais independentes; transportes; primas de seguros; publicidade, propaganda e relacións públicas; subministros; gastos de formalización de constitución da sociedade.

Poderán resultar beneficiarios das axudas previstas nesta liña de axudas as persoas físicas ou xurídicas que iniciaran a súa actividade económica entre o 1 de xaneiro de 2014 e o 11 de setembro de 2015 e teñan a súa sede no Concello de Santiago. O prazo de presentación das solicitudes remata o 11 de setembro. As bases da convocatoria poden consultarse na web do CERSIA.

Direccións relacionadas



Compartir: