FACENDA

O incumprimento do teito de gasto no exercicio 2014 obrigará ao Concello a aprobar un novo plan económico e financeiro

02/09/2015 A concelleira de Economía e Facenda, deu conta dalgúns dos asuntos tratados na Comisión de Facenda constituída nesta mesma xornada. Entre estas cuestións figurou a Conta Xeral 2014, que segundo indicou a edil, reflicte un incumprimento do teito de gasto fixado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para as entidades locais, superándoo máis de dous millóns de euros. Tamén explicou o informe da Intervención sobre as contas municipais a 13 de xuño, que apunta un exceso de gasto de case 10 millóns de euros presupostado para este exercicio 2015.

María Rozas indicou que a Conta Xeral 2014 reflicte un exceso do teito de 2.355.437,63 euros, o que, ao seu xuízo, demostra que a anterior Goberno local "gastou por riba das posibilidades desta Administración". Desta cantidade, 1.497.289,09 euros corresponden ao Concello e 858.148,54 euros a Incolsa. Explicou que este desfase non é só derivado da xestión do exercicio 2014, senón tamén dunha "baixa execución do gasto que xa vén de 2013".

Esta superación do teito de gasto, dixo, obrigará por lei ao Goberno local a realizar un plan económico e financeiro, con axustes e contención do gasto. O plan, que deberá someterse á aprobación do Pleno, "fará imposible acometer a totalidade do gasto comprometido nos orzamentos 2015 e condicionará futuros exercicios", como o de 2016, no que "a intención do Goberno municipal é volver á senda da estabilidade do gasto".

Previsións non realistas
Esta "mala xestión" orzamentaria tamén se plasma, segundo a concelleira, no informe das contas presentado pola Intervención municipal. Así, o documento indica que no orzamento de 2015 hai un exceso do teito de gasto de 9.758.963,49 euros.

Denunciou igualmente unha "previsión de ingresos inflada e nada realista". En concreto, o informe fala de que, no orzamento de 2015 "vinculouse nunha gran parte, case o 47% do orzamento inicial de investimentos a unha venda de terreos e outros ingresos sobre os que non se iniciou ningún tipo de expediente".

Os axustes que agora se deberán realizar, subliñou María Rozas, "limitarán a nosa xestión económica" e deixará "pouco marxe de manobra". Neste sentido, recordou que a redución do gasto por lei ten que ser en gastos non financeiros. En calquera caso, indicou que o Goberno local "priorizará investimentos e buscará fondos na medida das nosas posibilidades".

A Conta Xeral será sometida a exposición pública por un período de 23 días hábiles. Ademais, será publicada na web municipal para que todos os cidadáns poidan ter acceso aos seus datos.

Compartir: