ESPAZOS CIDADÁNS

As obras en Vista Alegre reiniciaranse a vindeira semana unha vez feitos os axustes necesarios para a terceira fase

01/09/2015 O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, anunciou que as obras de mellora da mobilidade e da accesibilidade de Vista Alegre poderán reiniciarse a vindeira semana. Isto é posible unha vez feitos os axustes necesarios nas dúas primeiras fases para poder levar a bo termo a fase III, cuxo procedemento de contratación tamén comezará en breve.

Duarte lembrou que a rebaixa de cotas que será posible grazas á fase III é unha "reivindicación dos veciños de hai máis de 30 anos" e que a decisión da paralización das obras durante unhas semanas ata ter listo o proxecto da fase III lle foi comunicada aos veciños. Neste sentido, volveu lamentar que na planificación inicial desta actuación non se contemplara a intervención na súa integridade, o ideal para evitar "chapuzas" e "ter que ir facendo modificacións sobre a marcha". Puxo como exemplo disto as obras de Basquiños e de Carreira do Conde.

Segundo o concelleiro, "en mes e medio tivemos que redactar o proxecto e buscar orzamento para esta fase III", cuxo custo cifrou nuns 700.000 euros. As obras realizaranse en paralelo á fase I, que debe estar rematada a 31 de decembro, por esta incluída no proxecto Urbana Santiago Norte e estar sometida a financiamento europeo.

Esta fase III, que afecta fundamentalmente aos vieiros, incluirá un rebaixe de cotas da calzada nas rúas Santa Comba, Noia e Bispo Diego Peláez, mellorando así a accesibilidade e a visibilidade dos baixos, limitada por uns muros que agora se eliminarán.

Compartir: