ACCIÓN CULTURAL

Ghazafellos presenta "As mil e unha noites" na última semana de Verán na Rúa

24/08/2015 A compañía galega Ghazafellos presenta este martes 25 de agosto o seu espectáculo de teatro de rúa As mil e unha noites. Será con entrada libre, a partir das 19:30 horas, na praza da Quintana, dentro do festival Verán na rúa. Este programa finalizará esta semana co Mago Romarís o mércores en San Martiño Pinario e Bamb-alas o xoves na praza da Quintana.

Baixo o arrecendo a incenso, uns contadores de historias da afastada Persia comparten co público as aventuras de Sherezade e as súas mil e unha noites: alfombras voadoras, xenios poderosos, ladróns, aventureiros… Todo mesturado con música e recreacións dos momentos máis máxicos dos relatos árabes máis coñecidos, como "Aladino e a lámpada marabillosa" ou "Alibabá e os corenta ladróns".

En As mil e unha noites, o público será partícipe das historias ata tal punto que levarán os aromas de Persia impregnados na súa pel. É un espectáculo duns 60 minutos para público a partir dos 5 anos.

Esta función forma parte do circuíto cultural e de lecer Cultura no Camiño, promovido pola Xunta de Galicia con motivo do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela e conta co patrocinio de Turismo de Galicia e do Agadic.

Direcciones relacionadas



Compartir: