XUNTA DE GOBERNO

O obradoiro "Ecotur Xuvenil" permitirá formar e contratar a 34 persoas e acondicionar as sendas peonís de Galeras, Ponte Albar e Brañas do Sar

24/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na última Xunta de Goberno, celebrada na mañá deste luns. Entre os puntos aprobados figura a aceptación dunha subvención da Consellería de Traballo e Benestar para a realización do obradoiro de emprego "Ecotur Xuvenil". Tamén se seu o visto bo inicial á listaxe provisional de autorizacións de venda ambulante no mercado de Salgueiriños.

Grazas á achega autonómica de 305.212 euros e a outra do propio Concello de 50.000 euros, poderán afrontarse os gastos de contratación de persoal docente e dos propios alumnos, así como os custos de funcionamento deste obradoiro "Ecotur Xuvenil". Contratarase a 34 alumnos e alumnas, que se formarán nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (12 alumnos/as), pavimentos e albanelería de urbanización (11 alumnos/as) e colocación de pedra natural (11 alumnos/as).

Ademais, os alumnos e alumnas participantes aplicarán de forma práctica os seus coñecementos acometendo un proxecto municipal. Neste caso será o de acondicionamento de sendas peonís de Galeras e Ponte Albar (Rota dos Ríos) e Brañas do Sar. A intervención incluirá traballos de roza, saneamento, drenaxe, conducións de regueiros en pedra, lousado e restauración de elementos patrimoniais e da arquitectura popular.

Venda ambulante en Salgueiriños
Na sesión tamén deu o visto bo á listaxe provisional de autorizacións de venda ambulante no mercadiño de Salgueiriños. A relación está integrada por 2 licenzas de pulpería ou elaboración de comida rápida; 2 de churrería; 25 de produtos hortofrutícolas; 5 de floraría e planta viva; 5 de artesanía; 10 de xamóns, embutidos e salgaduras; 5 de mobles e produtos de equipamento do fogar, artigos de segunda man; e 11 de téxtil e calzado.

As autorizacións teñen unha duración de cinco anos, prorrogables de forma expresa por outros cinco e as taxas de ocupación alcanzan os 61,05 euros/m2, o que supón ao ano un total de 305,25 euros/m2.

Préstamo para exposición
Outro dos acordos foi a autorización dun préstamos temporal de documentos á Universidade de Santiago para a celebración da exposición "Eugenio Montero Ríos e a Compostela do seu tempo". O Fondo Municipal achegará a esta mostra un monumento, cartas e mesmo un impreso con fotos do funeral do homenaxeado.

Documentos relacionados



Compartir: