ALCALDÍA

Martiño Noriega expresa a vontade de axilizar o proxecto de inserción sociolaboral de Proxecto Home en Virxe da Cerca

19/08/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse en Raxoi co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo. Da xuntanza saíu o compromiso do rexedor de por "toda a vontade política" en desbloquear o proxecto de inserción sociolaboral previsto por Proxecto Home na antiga sede da entidade na rúa Virxe da Cerca.

Segundo explicou Noriega, as dificultades teñen unha causa fundamentalmente urbanística, polo que o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, xa vén mantendo contactos con Proxecto Home. Neste ámbito, o alcalde reiterou a vontade "facilitadora" do Concello e "toda a dispoñibilidade do mundo" para impulsar esta iniciativa.

Cómpre lembrar que Proxecto Home quere abrir na súa antiga sede da rúa Virxe da Cerca un albergue de peregrinos, no que traballarían dez mulleres. Trátase dun proxecto de integración sociolaboral e psicosocial.

Ramón Gómez Crespo agradeceu a disposición a colaborar do novo Goberno municipal e aproveitou a xuntanza para convidar o alcalde a visitar as instalacións de Proxecto Home e a participar en dous eventos: a Festa da Solidariedade e os actos da conmemoración do XXV aniversario de Proxecto Home Galicia, que se pecharán cun concerto de Milladoiro e a Orquestra Gaos no Palacio de Congresos.

Compartir: