ACCIÓN CULTURAL

Isla LeTriska presenta o seu espectáculo de novo circo en San Martiño Pinario

04/08/2015 A compañía galega Isla LeTriska presenta un delirante espectáculo que combina variadas disciplinas de novo circo (malabares, pallaso, equilibrios...) con excentricidades e xogos co público. Será este mércores 5 de agosto, ás 19:30 horas, na praza de San Martiño Pinario, con entrada de balde, nunha nova entrega do programa Verán na rúa.

Un personaxe eléctrico e bastante tolo sorprenderá a todos realizando proezas como malabares incribles, memorizar centos de nomes, darlles novos usos a obxectos cotiáns, pelexar co público ou incluso converter a un neno nun grande artista de circo. LeTriska Inmobile é habilidade, perspicacia, velocidade mental e, sobre todo, tontería, moita tontería.

Este espectáculo de novo circo, para maiores de 6 anos, forma parte do programa Verán na rúa, co que a Concellaría de Acción Cultural enche de novo no mes de agosto algunhas das rúas e prazas máis emblemáticas de Santiago de Compostela cunha variada programación. A oferta está dirixida a todo o público que só se ten que preocupar de coller un bo sitio para ver os diferentes espectáculos de circo, acrobacias aéreas, malabares, títeres, maxia, teatro de rúa, contacontos, danza, ou música, entre outros, xa que todas as actividades son de balde.

Direccións relacionadas



Compartir: