ALCALDÍA

O alcalde reitera a vontade de "democratizar as festas" e de manter un diálogo fluído e crítico co tecido asociativo de Compostela

31/07/2015 Cun "benvidos á vosa casa" recibiu o alcalde, Martiño Noriega, no Pazo de Raxoi, a membros das asociacións veciñais e do Consello de Relacións Veciñais, con motivo dos fogos de fin de festa do Apóstolo. Con este acto, quixo simbolizar a vontade do Goberno local de "democratizar as festas", tal como sucedera tamén co pregón ou co reparto de convites para presenciar os Fogos do Apóstolo do 24 de xullo.

Noriega destacou a importancia do tecido asociativo de Compostela, co cal, dixo, "queremos un diálogo fluído, pero tamén crítico". Neste sentido, amosouse convencido de que "cun tecido asociativo vivo, teremos unha cidade viva".

A esta recepción estaban convidados dous membros de cada unha das asociacións veciñais de Santiago de Compostela, elixidos por elas. En nome de todas, tomaron a palabra integrantes das asociacións de Brañas de Andrés e de Pontepedriña, así como un representante das asociacións do rural. Tamén recibiron invitación e interviron no acto membros do Consello de Relacións Veciñais.

Despois da recepción, todos os convidados puideron presenciar dende a terraza do Pazo de Raxoi os fogos de fin de festa do Apóstolo, que se lanzaron dende o Campus Sur.

Compartir: