FESTAS

A Banda Municipal de Santiago e Viravolta Títeres, protagonistas da xornada do mércores 29 das festas do Apóstolo

28/07/2015 A xornada do mércores 29 poderemos escoitar a Banda Municipal de Música da cidade, que lle poñen música en directo a Peer Gynt xunto cos monicreques da compañía Viravolta Títeres. Trátase dunha actividade que, ademais de estar dentro da programación das festas do Apóstolo, inaugura o programa Verán na rúa, que ofrece distintas propostas ao longo do mes de agosto en prazas e rúas da cidade. O espectáculo, de entrada libre e dirixido a todos os públicos, comezará ás 20:00 horas en San Martiño Pinario.

Peer Gynt é un mozo fantasioso e aventureiro que quere marchar da aldea na que vive, descubrir o mundo e facerse rico. A súa nai Aase, farta das queixas dos veciños, e a súa paciente moza Solveig queren cortar, sen moito éxito, as súas ansias de aventura. Só a través duns estraños soños, Peer Gynt comprende que as súas intencións aventureiras non son o máis axeitado e finalmente permanece coa fermosa Solveig na aldea para sempre.

Esta é unha fábula posta en escena pola compañía galega Viravolta na que a Banda Municipal de Música interpreta a música composta polo máis senlleiro dos compositores noruegueses, Edvard Grieg.

Banda Municipal de Música
A Banda Municipal de Música de Santiago unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1849 e perdura nos nosos días. Como centro de formación de instrumentistas, a ela acudiron durante moitos anos os nenos acollidos na Casa Hospicio, paliando en parte as restricións educativas no ámbito musical que sufría a poboación infantil máis desfavorecida e que en moitos casos supuxo un medio de vida para moitos deles.

Durante os primeiros anos é unha agrupación de afeccionados, ata que en 1876 o Concello decide facerse cargo dela e comeza a profesionalizarse. Nesa época redáctase un regulamento para o seu funcionamento. Unha das súas actividades máis importantes eran os concertos, denominados paseos, na Alameda ou na rúa do Vilar, o que supón o traslado da música dos seráns privados a un ámbito público onde poden gozar del cidadáns de todos os estamentos sociais. Actúa tamén nas festas e nas procesións de Semana Santa.

Na actualidade realiza os seus concertos no Teatro Principal e na rúa do Vilar, praza da Quintana, Alameda e outros lugares e barrios da cidade na temporada de verán. Conta con 38 compoñentes e a súa actividade baséase fundamentalmente nos concertos dominicais ao longo de todo o ano, concertos de verán os xoves e domingos, concertos didácticos en período lectivo nos que participan centos de escolares de Santiago e da bisbarra, intercambios e actos culturais e protocolarios.

Viravolta Títeres
En 1982, Anxo García, Pilar Álvarez e Xulio Balado forman a compañía Viravolta Títeres. Ademais da produción e distribución de espectáculos de monicreques, realizan outras actividades: cursos, exposicións, programacións (Titerentroido, Titirideza e Cantos e Contos do Nadal); sempre relacionadas co mundo da marioneta.

Viravolta participou en numerosos festivais, circuítos e feiras, destacando, entre outros, a Mostra Internacional de Teatro Infantil "Xeración Nos", Festival de Teatro de Ribadavia, Festival Internacional de Títeres de Santiago, Festitíteres de Alacante, Fira Internacional de Teatro de Titelles de Lleida, Feiras Galegas de Teatro, Campañas Escolares, festivais de música como a "Semana do Corpus" de Lugo ou "Cameralia", Festival de Música de Cámara de Santiago de Compostela, feiras do libro, festas populares, feiras tradicionais, circuítos culturais, redes de teatro, etc.

Direcciones relacionadas



Compartir: