ALCALDÍA

O alcalde encontra receptividade en Feijóo á demanda dunha achega estable para a capitalidade e na defensa da intermodal

28/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reuniuse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo na sede do Executivo autonómico en San Caetano. O rexedor cualificou como "positiva" a xuntanza, así como a "receptividade" do titular do Goberno galego en canto á estabilidade do financiamento das ferramentas de Capitalidade e á defensa dunha verdadeira estación intermodal para a cidade.

Noriega apuntou que a reunión permitiu afrontar temas que "son importantes para a capital do país". Un deles é o das ferramentas de capitalidade, sobre as cales o alcalde expresou a necesidade de "frear a diminución da achega autonómica dos últimos anos" e de utilizar esas ferramentas "en beneficio dun proxecto que é conxunto".

Indicou que houbo "receptividade" do presidente da Xunta cara esta cuestión. De feito, a continuación, Núñez Feijóo asumiu o compromiso de estabilidade na achega autonómica ao Estatuto de Capitalidade e na súa parte do financiamento ao Consorcio de Santiago. Así se reflectirá, dixo, nos orzamentos da Xunta de 2016.

Martiño Noriega afirmou que tamén atopou receptividade do titular do Executivo autonómico no relativo á defensa dunha verdadeira estación intermodal. Reiterou que o Goberno municipal "non está en contra da aplicación dos fondos para a busca dunha solución ferroviaria", pero "precisamos garantías no horizonte para non renunciar á intermodalidade".

Neste sentido, na reunión abordouse tanto o traslado da estación de autobuses –que corresponde á Xunta de Galicia- como a interlocución que esta poida ter co Ministerio de Fomento para "dotarnos desas garantías de que a intermodal será unha realidade nos vindeiros anos".

Compartir: