POLÍTICAS SOCIAIS

Arte urbana en Amor Ruibal para lembrar o pasado do barrio de Pontepedriña

13/07/2015 Dentro do Programa de hábitos de vida saudable, promoción da saúde e prevención de drogas, promovido dende a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), estase a realizar un mural coa técnica do graffiti nun inmoble da rúa Amor Ruibal. A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernandez, presentou esta intervención, realizada por Mutante Creativo e NO3L e que estará rematada a finais desta semana.

Un dos obxectivos do Programas de hábitos de vida saudable, promoción da saúde e prevención de drogas, é a busca de actividades atractivas para os mozos e mozas que non adoitan utilizar as canles habituais de lecer. Por iso, o Concello apoia propostas alternativas cunha forte repercusión entre a mocidade, outorgándolles espazos e difusión, sempre no marco da promoción de hábitos de vida e ocio saudables.

Entre estas actividades figura o graffiti, unha disciplina de alta creatividade que precisa de espazos e directrices para que sexa entendida e comprendida pola sociedade. Por isto, dende o Concello véñense desenvolvendo nos últimos anos exhibicións, obradoiros e actividades de rúa neste campo do graffiti. Unha das propostas destacadas neste eido foi a intervención en dúas aulas do IES Antonio Fraguas, froito da cal xurdiu o mural na entrada do centro. Esta actividade seguirá no inicio do vindeiro curso académico.

Outra liña de actuación é o aproveitamento da arte urbana, do graffiti e do muralismo contemporáneo fronte ao feísmo urbanístico. Como primeiro paso neste campo procedeuse a buscar un espazo que sufrira dun forte deterioro e cuxa recuperación en base á intervención plástica contara co apoio veciñal e co permiso do propietario do inmoble.

Reunidos veciños, propietario e artistas, atopáronse puntos de encontro para unha creación artística que garantirá unha relación acorde coa zona e co barrio. Esta intervención estase realizando na rúa Amor Ruibal e os artistas responsables da obra son Mutante Creativo e NO3L. Está previsto que o mural se remate a finais desta semana.

A temática do mural é o pasado do barrio de Pontepedriña, tomando como referencia histórica o vello matadoiro municipal, parte da vida desta parte da cidade ata hai 25 anos. Abordan este concepto dende un punto de vista animalista, de xeito que os animais do pasado esixirán metaforicamente o seu dereito a existir e a ser recordados como parte substancial e vital na construción da cidade e nas vidas das persoas.

Segundo apuntou Concha Fernández, é intención do Goberno municipal estender esta iniciativa a outros edificios deteriorados da cidade. Mesmo se traballa na posibilidade de crear un museo ao aire libre que exhiba os traballos realizados na cidade nesta modalidade pictórica.

Mutante Creativo é un equipo multidisciplinar con ampla experiencia no mundo do deseño gráfico, a decoración mural, a arte urbana e o graffiti en toda Galicia. Entre outros proxectos, son organizadores do Festival Internacional de Arte Urbana DesOrdes Creativas (Ordes, A Coruña), referente galego e internacional neste eido, que vai xa pola súa oitava edición. Tamén promoven o Festival Internacional de arte pública Rexenera Fest (Carballo, A Coruña). Ademais, teñen unha longa experiencia na execución de obradoiros de graffiti e de muralismo en centros de ensino por toda a xeografía galega.

NO3L é un artista compostelán cunha longa traxectoria no mundo da ilustración, do graffiti e do muralismo.

Compartir: