POLÍTICAS SOCIAIS

O Programa de Apoio Socioeducativo axudará a mozos e mozas a organizar os seus estudos e mellorar así o seu rendemento académico

13/07/2015 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou o Programa de Apoio Socioeducativo Verán 2015, dirixido a mozos e mozas de entre 11 e 16 anos, que se desenvolverá no Centro Sociocultural de Vite, de luns a xoves, de 10:00 a 13:00 horas. De existir demanda, tamén se realizaría no CSC da Trisca. Esta iniciativa forma parte do Programa de hábitos de vida saudable, promoción da saúde e prevención de drogas, promovido dende a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD).

Segundo explicou a concelleira, o éxito escolar está relacionado con moitos factores do éxito social e persoal. Moitos nenos e nenas ven comprometidas a súa capacidade de crecer e vense expostos a situacións de vulnerabilidade debido a dificultades escolares, sendo os grupos máis prexudicados os que teñen menores rendas económicas. Estas situacións, na gran maioría dos casos teñen unha solución doada, pero requiren de recursos ou da reorganización dos existentes.

Neste marco deseñouse o Programa de Apoio Socioeducativo, para apoiar eses mozos e mozas que dedican parte do seu tempo libre a formarse. Deste xeito, un grupo de monitores axudará os rapaces a organizarse e obter os recursos necesarios para un maior rendemento académico.

Nove profesionais (oito monitores e un coordinador) dinamizarán os mozos e mozas entre as 10:00 e as 13:00 horas, de luns a xoves, no CSC de Vite. Durante o mes de agosto, este grupo estará no IES Xelmírez II De existir demanda, os monitores farían labores similares no CSC da Trisca (no mes de agosto trasladaríanse ao IES Antonio Fraguas. Ao longo destas mañás, os rapaces planificarán os seus estudos e o seu tempo libre co asesoramento destes profesionais.

As sesións non son pasantías, nin clases particulares, senón un xeito de organizar as mañás e de facilitar a estes mozos e mozas os recursos para esta organización, a loxística e a responsabilidade. Este sistema de traballo xa tivo un grande éxito en veráns anteriores, medido tanto polo número de participantes como polos resultados académicos alcanzados.

Compartir: