CONVIVENCIA

A Policía Local achega o seu labor aos máis pequenos nos centros socioculturais

07/07/2015 Co obxectivo de promover a educación en materia de seguridade viaria, dende a Concellaría de Convivencia e a través da Policía Local colabora en varias actividades dirixidas ao público infantil que participa nas Mañás de verán e de xogo dos centros socioculturais dentro do programa Vive o verán. Desta vez foron uns 30 nenos de entre 6 e 12 anos do CSC de Vite os que pasaron unha animada mañá coa Policía Local.

Nestas sesións, a Policía Local intenta achega o seu labor aos máis pequenos, ao tempo que se lles ofrece información sobre as normas básicas de comportamento como peóns, pasaxeiros ou condutores de bicicletas. Todo isto co obxectivo de concienciar aos nenos e nenas, dende curtas idades, sobre as normas básicas de respecto e responsabilidade cidadá.

Os nenos divírtense subindo aos vehículos policiais ou aprendendo a través de contos interactivos como ser uns peóns responsables. Así, ensínaselles que deben ir ben suxeitos cos seus respectivos cintos e nas cadeiras de retención infantil, se fose o caso, cando circulan como ocupantes de vehículos.

Os axentes da Policía Local transmítenlle aos rapaces nestes encontros que eles traballan para mellorar a súa seguridade e anímanos a non ter medo da figura do policía como autoridade.

Durante esta animada mañá os máis pequenos convertéronse en policías co fin de achegar a nosa figura aos máis peques. Queremos que os máis peques comprendan que traballamos para mellorar a súa seguridade e que non teñan medo á figura que representa o policía como autoridade.

Compartir: