DEPORTE

Santiago participará do 5 ao 10 de xullo nos XI Xogos do Eixo Atlántico

03/07/2015 O Concello de Santiago participará nos XI Xogos do Eixo Atlántico, que se desenvolverán do 5 ao 10 de xullo nas cidades portuguesas de Porto, Vila Nova de Gaia e Matosinhos. A delegación compostelá está integrada por 58 persoas (47 competidores e 11 adestradores ou delegados), distribuídas nas especialidades de atletismo para discapacitados, baloncesto masculino e feminino, fútbol 7 masculino e natación masculina e feminina.

Os participantes e adestradores que representarán ao Concello de Santiago nestes XI Xogos do Eixo Atlántico foron seleccionados polos clubs e delegacións federativas seguintes: Club Natación Cidade de Santiago (natación), Asociación ASPAS (atletismo adaptado), Delegación local da Federación Galega de Fútbol (fútbol) e Delegación local da Federación Galega de Baloncesto (baloncesto).

O obxectivo como cidade nesta nova edición céntrase en volver a demostrar o excelente nivel humano e de comportamento que teñen os rapaces e rapazas que asumirán a responsabilidade de defender o orgullo dos nosos concidadáns. No estritamente deportivo, procuraranse acadar os resultados de pasadas edicións, dado que o esforzo e a ilusión dos seleccionados son elementos que garanten un gran papel na competición.

A delegación compostelá partira a primeira hora da mañá do domingo 5 cara Portugal dende o Estadio de San Lázaro. Xa en Porto, na súa praza General Humberto Delgado, fronte a Cámara Municipal da cidade, participarán na cerimonia inaugural ás 16:30 horas. A competición desenvolverase entre os días 6 e 10 de xullo. Nesta última xornada, pola tarde, producirase o regreso da delegación.

O deporte no Eixo Atlántico
O Eixo Atlántico presta unha especial atención ao desenvolvemento e consolidación de disciplinas deportivas de carácter transfronteirizo. O evento máis antigo son estes Xogos do Eixo Atlántico, que con carácter bienal reúnen durante unha semana arredor de 1.500 mozos e mozas, que conviven a través da práctica do deporte.

O formato de congregar nunha mesma cidade a todos os deportistas adoptouse na segunda das edicións, concretamente na celebrada na cidade de Ferrol en 1997. Posteriormente seguíronlle as cidades de Chaves (1999), Ourense (2001), Bragança (2003), Santiago de Compostela (2005), Vila Nova de Gaia (2007), A Coruña (2009), Matosinhos (2011) e Guimaraes (2013).

Compartir: