ALCALDÍA

O alcalde recibiu o arcebispo Julián Barrio

02/07/2015 O alcalde compostelán, Martiño Noriega, recibiu o arcebispo de Santiago, Julián Barrio. A xuntanza, cualificada como "cordial e respectuosa" polo rexedor municipal, serviu para "a posta ao día dunha serie de cuestións da relación do Concello coa Igrexa".

A marcha das obras da Catedral ou o traballo social da Igrexa foron dous dos temas tratados nunha reunión "satisfactoria" que, segundo Noriega, abre "unha vía de diálogo permanente" cunha institución que, máis alá do aspecto propiamente relixioso –lembrou- ten unha dimensión patrimonial e cultural fundamental para a cidade. Neste sentido, expresou o seu convencemento de que este marco de colaboración se manterá a "curto, medio e longo prazo".

O alcalde reiterou a súa visión sobre a separación dos roles institucionais das cuestións relixiosas. A propósito disto, o arcebispo Julián Barrio mostrouse "respectuoso" coas decisións do Goberno municipal e, en materias como a "laicidade ou a aconfesionalidade", apostou por un diálogo "construtivo e cun sentido ético".

Preguntado pola representatividade institucional nos actos do 25 de xullo, o alcalde insistiu en "desdramatizar determinados debates", seguro de que as "preocupacións dos cidadáns non pasan por ese tipo de cuestións".

Compartir: