ALCALDÍA

O alcalde reuniuse co Foro Cívico Empresarial para sumarse á reivindicación dun maior financiamento para a USC

01/07/2015 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantivo onte un encontro co Foro Cívico Empresarial nas instalacións da Cámara de Comercio. Nesta reunión, as diversas institucións da cidade que conforman o colectivo solicitaron ao rexedor o seu apoio nas reivindicacións sobre o aumento de recursos públicos e financiamento para a Universidade de Santiago.

Como indica o Foro Cívico Empresarial, a Xunta de Galicia destinou este ano un orzamento de 390 millóns de euros ás tres universidades, dos cales 170 millóns de euros son para a USC, achega que sufriu unha redución de 30 millóns de euros respecto a 2014. Con este descenso sobre a mesa, o Foro considera "inaceptable" para o conxunto da sociedade compostelá que dende a Administración autonómica non se contemple un maior investimento en ámbitos esenciais para o futuro da cidadanía e da economía como son a investigación e a innovación.

Ademais, o Foro sinalou que o tipo de estrutura produtiva de Santiago, centrada na importancia do sector público –Administración, Universidade e Sanidade– e o seu peso e influencia na comarca, converten en imprescindible o aumento do financiamento para a USC. "Exerceremos un rol de presión sa nun momento sensible de negociación do novo financiamento universitario", indicou Noriega. O alcalde mantivo hoxe unha reunión co reitor da USC, Juan Viaño, para ofrecerlle o seu apoio e demandar un financiamento que permita unha viabilidade digna e acorde co peso específico e coa traxectoria da Universidade.

Nesta liña de crear propostas e dar solucións aos problemas de Santiago, o colectivo solicitou ao alcalde a súa presenza no Foro Cívico Empresarial co obxecto de "empuxar na mesma dirección" a favor do benestar social da cidadanía. Pola súa parte, Noriega garantiu o compromiso do Concello e o seu propio de manter unha "interlocución periódica" co Foro Cívico.

Impulso á cidade
Nesta xuntanza do Foro Cívco co alcalde tamén se trataron outros temas de interese vital para a cidade como o traslado do 061 á Estrada e o proxecto da intermodal. Martiño Noriega explicou que o plan da Xunta de Galicia de trasladar os servizos centrais do 061 e do 112 de Santiago de Compostela á Estrada é unha decisión "sen xustificación" que afecta a unhas 300 familias de Santiago e a súa contorna. En relación á intermodal, Noriega manifestou o interese do Concello por recuperar o proxecto inicial para resolver a situación antes do Ano Santo de 2021 por ser un punto estratéxico para mobilidade da cidade.

Foro Cívico Empresarial
Integran o Foro Cívico Empresarial Cámara de Comercio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago y Comarca, Fundación Santiago Centro, Real Sociedad Económica de Amigos del País, Fundación Ruta Xacobea de Mar de Arousa e Ulla, Colexio de Avogados de Santiago, Colexio de Economistas, Colexio de Arquitectos de Galicia, Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais, Colexio de Enxeñeiros Industriais, Colexio de Procuradores, Asociación do Polígono do Tambre, Rotary Club, Asociación de Antigos Alumnos da USC, Asociación de Periodistas de Santiago, Compostela Solidaria e o Ateneo de Santiago como entidade invitada.

Compartir: