XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá conta da liquidación do transporte urbano no exercicio 2014, por importe de 4,1 millóns de euros

26/06/2015 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste venres, deu conta da liquidación do transporte urbano do ano 2014, que se situou en algo máis de 4,1 millóns de euros. Ademais, aprobáronse catro novos convenios con entidades sociais e varias licenzas para reformas en edificios históricos.

A liquidación do transporte urbano do exercicio 2014 deixa un resultado de 4.151.047,88 euros, dos que 3.509.004,12 euros corresponden a Tralusa, 264.518,77 á empresa Mosquera, 232.510,27 a Aucasa, 82.459,95 a Ferrín e 62.554,77 a Grabanxa. Do total, 3.343.306,77 son pagos a conta realizados en 2014, mentres que o importe a aboar en 2015 sería de 807.471,11 euros.

Convenios sociais
Por outra parte, o Goberno local aprobou o texto dos convenios de colaboración para este ano 2015 con catro entidades sociais: Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais (3.500 euros), Asociación de Dano Cerebral Sarela (2.000 euros), Centro Cultural Social Xoan XXIII - Programa Xuntos Podemos (3.000 euros) e Asociación de Persoas Sordas de Santiago (8.954,29 euros).

Ademais, na sesión deuse o visto bo a outro convenio, neste caso na área de deportes, co Club Deportivo Fontiñas, para o desenvolvemento da proba da Copa Galega de Escalada en Bloque que se celebra este sábado na praza da Quintana.

Licenzas
En materia de licenzas, destaca a concesión dunha ao Consorcio de Santiago para a limpeza de fachadas do ciborio e a reparación da cuberta da igrexa de San Martiño Pinario. Tamén se outorgou permiso para unhas obras de renovación da cuberta do convento de Belvís e para a instalación dun ascensor no Hostal dos Reis Católicos.

Tamén no ámbito urbanístico, aprobouse inicialmente a modificación puntual do Plan de sectorización do SUNP-25 (Roxos). Sométese o expediente a información pública polo prazo dun mes.

Accións formativas
Finalmente, a Xunta de Goberno procedeu a aceptar unha subvención de 117.009 euros da Consellería de Traballo e Benestar para a execución de tres acción formativas para persoas desempregadas: Organización de proxectos de instalación solar térmica, Operación de fontanería e calefacción-climatización doméstica e Operación auxiliares de montaxe de redes eléctricas.

Documentos relacionados



Compartir: