DEPORTE

A Quintana acolle este sábado a primeira proba da Copa Galega de Escalada en Bloque

25/06/2015 A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou a primeira proba da Copa Galega de Escalada en Bloque, que se celebrará este sábado 27 de xuño na praza da Quintana. O Concello de Santiago colabora co Club Deportivo Fontiñas e coa Federación Galega de Montañismo na organización deste evento.

A competición arrancará ás 10:30 horas, coas probas de clasificación masculina e feminina, nas que puntúan o número de intentos (sen tope) e as presas empregadas (algunhas delas penalizadas). Estas escaladas clasificatorias á parede vertical instalada na Quintana rematarán en torno ás 13:30 horas.

Xa pola tarde, de 16:00 a 19:30 horas, realizaranse as finais, na que homes e mulleres competirán en zonas diferenciadas. Os participantes terán que salvar seis obstáculos nun tempo limitado, contando o número de intentos. Nestas finais, os rivais estarán sentados de costas, para non ver os pasos dos demais. A continuación celebrarase a cerimonia de entrega de premios.

Copa Galega
O calendario estable da Copa Galega de Escalada en Bloque, con dúas probas anuais, empeza no 2010. A FGM conta coa súa propia estrutura móbil, que emprega nestas competicións, que ata agora se celebraron na Coruña, Vigo, Tui, Ourense e Lugo. Coa proba en Santiago elaborarase o vídeo promocional da FGM.

Xunto a Noa Morales, participaron na rolda de prensa o presidente do Club Deportivo Fontiñas, Javier Laíño; o presidente da súa sección de montaña, Iñaki Bilbao; e o director da proba, da FGM, César Álvarez.

Compartir: