EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Máis de 150 nenos e nenas participan no Programa Municipal de Conciliación de Verán

23/06/2015 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou as actividades do Programa Municipal de Conciliación de Verán, no que participan 157 nenos e nenas, un 50% máis que na edición de 2014. Estivo tanto no CEIP As Fontiñas como no CEIP Raíña Fabiola, os dous centros nos que se realiza este campamento lúdico e educativo.

Dos 157 nenos e nenas inscritos nesta edición, 102 participan nas actividades do CEIP As Fontiñas e 55 nas do CEIP Raíña Fabiola. Do total, 71 fan uso tamén do servizo de comedor (44 no CEIP As Fontiñas e 27 no CEIP Raíña Fabiola) e 25 do servizo de madrugadores (9 e 16, respectivamente).

Este programa de conciliación laboral e familiar estará en marcha no período das vacacións do verán 2015, isto é, nos meses de xuño (23, 25, 26, 27 e 30), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro (días 1, 2, 3, 4, 5, 8, 9 e 10). Este programa comprende un conxunto de actividades a desenvolver no CEIP das Fontiñas e no CEIP Raíña Fabiola, destinadas á poboación escolarizada en educación Infantil e primaria do municipio de Santiago.

O programa crea un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de constituír un recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. Participan nenos e nenas que cursan estudos en centros de educación infantil e primaria de Santiago de Compostela, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

O horario é de 9:00 a 14:00 horas. Non obstante, ofrécese a posibilidade de que os nenos fagan uso do servizo de madrugadores con almorzo (de 7:45 a 9:00 horas) e dun servizo de comedor (de 14:00 a 16:00 horas). Os pais e nais podían escoller entre diversas modalidades, tanto por número de días como por servizos ofertados.

O prezo depende da modalidade escollida. O custo unitario por día solto é de 2,5 euros para o servizo de madrugadores con almorzo, 8 euros para obradoiros e actividades e 6 euros para o servizo de comedor. No caso de optar por mes completo, eses prezos diarios podían reducirse chegando ata os 1,91 euros para o servizo de madrugadores, os 5,22 euros para os obradoiros e os 4,78 euros para o servizo de comedor.

Ofrecíase unha serie de descontos que van do 20% para familias monoparentais, numerosas ou por dous irmáns no programa; e ata o 50% ou 100% para familias con escasos recursos. Así, 81 rapaces e rapazas resultaron beneficiarios de descontos, dos que unicamente catro foron derivados polos Servizos Sociais, tres co 100% de desconto e un co 50%.

Compartir: