EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Máis de 200 intérpretes de diversas idades encheron de música as rúas e prazas do casco histórico de Santiago de Compostela

20/06/2015 As prazas de Praterías, Cervantes, Toural e as rúas Nova e do Vilar acolleron ao longo de toda a xornada do sábado as actuacións da Banda Xuvenil de Lalín, da Escola Municipal de Música de Santa Cruz de Rivadulla, da Escola Municipal de Música de Vigo e da Banda, da Bandiña e do Grupo de Música Tradicional da Escola Municipal de Música de Santiago. Máis de 200 músicos de idades moi diversas encheron de música a cidade no marco deste I Encontro de Escolas e Agrupacións de Escolas Municipais de Música, que servía tamén para celebrar o Día Europeo da Música deste domingo.

O programa de concertos discorreu cunha exitosa participación de público, rematando pola tarde na praza das Praterías cun acto final no que todos os músicos participantes interpretaron conxuntamente o Himno da Alegría. Cos últimos acordes procedeuse a unha solta de pombas a cargo do Club Colombófilo "Alas Compostelanas".

Pouco antes, coa presenza dos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; de Lalín, Rafael Cuíña; de Vedra, Carlos Martínez; e do concelleiro de Educación e Cidadanía compostelán, Manuel Dios, realizouse unha cerimonia de clausura, na que o rexedor santiagués, en nome dos catros concellos participantes, agradeceu a participación dos músicos e dos cidadáns en prol da educación musical e da convivencia. Salientou a importancia dos concellos como dinamizadores da vida social e dunha mellor calidade de vida para as persoas, a través do mantemento dos servizos públicos, nomeadamente daqueles que "dende a educación e a cultura nos fan máis libres e iguais".

Os alcaldes presentes entregaron os diplomas de participación dos músicos, que recolleron os directores Fernando Rey (Rivadulla), Santiago García (Lalín), Cándido Cabaleiro (Vigo) e Óscar Fernández, director da Banda da Escola Municipal de Música de Santiago. Foi este último o encargado de dirixir a interpretación conxunta de todas as agrupacións musicais do Himno da Alegría.

O Departamento de Educación e Cidadanía, co concurso dos concellos interesados de Galicia e dos profesionais das escolas municipais de música, traballará ao longo do ano para crear un espazo de reflexión arredor do modelo educativo destas institucións de formación musical, que fan da música para todos un dos seus obxectivos e unha boa ocasión para o intercambio de experiencias. Así o manifestara na rolda de prensa de presentación desta xornada o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.

Compartir: