CULTURA

Puntada sen Fío presenta o seu novo disco, "A lúa prendeu a luz", dentro de Sons’15

28/05/2015 Puntada sen Fío presenta este venres o seu novo disco, A lúa prendeu a luz dentro do ciclo Sons’15. Será ás 21:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea e as entradas están xa á venda a un prezo de 3 euros. Poden retirarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18:00 a 21:00 horas) ou no mesmo CGAC dende unha hora e media antes de que comece o concerto.

Puntada sen Fío é un grupo de recente creación, formado por Xiana Lastra (voz), Juan Collazo (percusión) e Roberto Rama (saxo), que presenta o seu primeiro traballo discográfico: A lúa prendeu a luz. Despois de varios anos participando doutros proxectos musicais como Odaiko, Fía na Roca, Os d'Abaixo ou O Meu Primeiro Celso Emilio e A Miña Primeira Rosalía, a súa amizade empurrounos á aventura de tocar os tres xuntos, nacendo así esta nova formación.

O resultado, materializado neste traballo, son nove temas moi diferentes entre si pero cun nexo común: o pasado. Todos eles falan, dun ou doutro xeito, de acontecementos ocorridos hai anos ou de como afrontar o paso do tempo. A lúa prendeu a luz recolle cantigas baseadas na nosa música tradicional, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Todo isto, aderezado pola maior peculiariedade do grupo: a súa sonoridade, dada polos instrumentos nada habituais que utilizan.

Compartir: