CULTURA

O Teatro Nacional Dona María II de Lisboa presenta en Santiago o seu "Saxo tenor" dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

28/05/2015 A compañía lisboeta Teatro Nacional Dona María II ofrece en Compostela a súa versión de Saxo Tenor dentro da programación do Bono de Teatro Galego e Portugués. Poderá verse na nosa cidade, concretamente no Teatro Principal, este venres 29 de maio ás 17:30 e, de novo o sábado, ás 20:30 horas. As entradas, a 10 euros, poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de 18.00 a 21.00h); no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com, ademais de trocarse co Bono.

Esta versión de Saxo tenor está enmarcada dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, iniciativa do Concello de Santiago e a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia que celebra, neste 2015, a súa segunda edición. Consiste en aglutinar nun só programa toda a oferta teatral galega e portuguesa que se pode ver nos dous principais espazos escénicos da cidade, Teatro Principal e Salón Teatro, ao que se engade a oferta escénica máis alternativa da Zona C, e ofrecer unha bonificación a aqueles que asistan a varios espectáculos.

Co Bono, que ten un prezo de 35 euros, pódese accederse a cinco das funcións a elixir do programa a un prezo máis atractivo que se se adquiren entradas soltas.

Saxo tenor, de Vidal Bolaño
Unha desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e prostitutas: foi así que Roberto Vidal Bolaño subtitulou esta peza escrita en 1991. O compostelán Roberto Vidal Bolaño é un dos máis importantes dramaturgos, directores e actores galegos contemporáneos. En Saxo tenor, o autor –herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán– propón un verdadeiro esperpento de final do século XX.

Esta peza recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro 1991 ao mellor texto teatral orixinal. Agora chega á súa cidade da man da compañía nacional de teatro lisboeta Dona María II, un dos centros teatrais máis emblemáticos da capital lusa.

Compartir: