CULTURA

Dezanove concertos en espazos sigulares da cidade na décima edición do Via Stellae

27/05/2015 A concelleira de Cultura en funcións, María Antón, e o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, presentaron esta mañá, acompañados do director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, a 10ª edición do Via Stellae. Serán 19 concertos que se celebrarán do 29 de xuño ao 15 de xullo en espazos singulares da cidade. Este festival conseguiu, na súa primeira década, consolidarse como un certame esencial no verán compostelán avalado polo respaldo do público e o recoñecemento da prensa especializada.

Organizado e promovido polo Concello de Santiago e pola Xunta de Galicia, o Via Stellae volverá encher de música Santiago de Compostela, o seu casco histórico, durante máis de dúas semanas: o Teatro Principal e o Salón Teatro; as igrexas e capelas de San Fiz de Solovio, Universidade, Orde Terceira e San Domingos de Bonaval e localizacións singulares como o CGAC, o Hostal dos Reis Católicos e o Paraninfo da Universidade, son os variados escenarios do festival.

Sen dúbida, unha das calidades máis sobresaíntes do Via Stellae é a recoñecida categoría dos intérpretes que enchen un atractivo cartel de 19 concertos no que os músicos e artistas galegos contan cunha imprescindible e merecida presenza. A diversidade e riqueza da programación do Via Stellae dende a súa creación, hai dez anos, ten un dos seus argumentos sólidos na música antiga e barroca, pero o festival non esquece outras épocas e xéneros musicais interpretados por artistas de moi distintos perfís e procedencias.

Esta liña de programación vinculada ao Barroco, á música antiga e á interpretación historicista ponse de manifesto coas actuacións de agrupacións e artistas de prestixio internacional do talle de Uri Caine, Concerto Italiano e Rinaldo Alessandrini, La Galanía, Manfredo Kraemer, Al Ayre Español e Eduardo López Banzo, Fuoco E Cenere e Jay Bernfeld, Romina Basso, etc.

Uri Caine e Fuoco e Cenere para abrir e pechar esta décima edición
Con dúas propostas moi singulares e atractivas arranca e finaliza o Via Stellae 2015. Compositor, pianista e músico de jazz aplaudido arredor de todo o mundo, o norteamericano Uri Caine pon o punto de mira da súa orixinal forma de entender a música en Domenico Scarlatti nun concerto cuxos contidos quixo reservarse para desvelárnolos a noite en que inaugurará no Teatro Principal o Via Stellae 2015.

Fuoco E Cenere, ensemble liderado por un creativo e imaxinativo Jay Bernfeld, pecha o festival no mesmo escenario conectando música de onte, iconografía de hoxe (creada en directo polo ilustrador Fred Bayle) e historias eternas de loita contra a opresión nunha innovadora presentación de Judith e Esther, heroínas cuxas lendas inspiraron durante séculos a grandes artistas, pintores, dramaturgos e músicos.

Homenaxe aos grandes mestres
O décimo aniversario do Festival Via Stellae quere render homenaxe a algúns dos máis grandes mestres do Barroco e da historia da música: a Bach, Haendel, Vivaldi, Mozart, Monteverdi e, aínda que menos coñecidos, a compositores tan influentes como Scarlatti, Tarquinio Merula ou Antonio Soler.

O xenio de Bach e Haendel son unha referencia imprescindible para un festival da vocación do Via Stellae e, nesta décima edición, convértense en grandes protagonistas. A presenza das obras do alemán convertido en figura nacional británica, Haendel, multiplícase nas primicias das interpretacións da integral das sonatas opus 2 a cargo de Al Ayre Español e Eduardo López Banzo (agrupación aragonesa merecedora do Premio Nacional de Música) e da recuperación dunha versión de cámara dunha das óperas máis célebres de Haendel, dunha "ópera de salón" cuxa edición recupera o músico compostelán Manuel Vilas, quen á fronte do seu conxunto Ars Atlántica conta cunha brillante e sólida repartición formada por algúns dos cantantes máis activos e reputados do panorama lírico nacional para presentar no Teatro Principal, en versión de concerto, a ópera Rinaldo de Haendel.

Haendel comparte cartel con Vivaldi noutro concerto que tamén nos traslada ao mundo da ópera barroca e dos castrados da man do contratenor Flavio Ferri-Benedetti e dunha agrupación representativa dunha emerxente xeración de conxuntos españois especializados na interpretación da música antiga como os madrileños Ímpetus, que dirixe Yago Mahugo e que debutan no festival cun programa dedicado ás óperas e cantatas destes mestres. A Bach dedican o seu concerto outros membros desta nova e prometedora xeración, o trío La Bellemont, que nesta ocasión conta coa colaboración do experimentado e reputado violinista arxentino Manfredo Kraemer para interpretar as súas tres sonatas para viola da gamba e clave. E despois de Bach, coñeceremos os primeiros pasos do Clasicismo cun programa deseñado por Gallaecia Antiqva, cuarteto formado por profesores de conservatorios galegos cunha recoñecida traxectoria en diversas formacións dedicadas á música antiga, que explora a relación do cantor de Leipzig cos seus alumnos e fillos.

A Real Filharmonía de Galicia, fiel ao festival
Ás ordes do seu director asociado Maximino Zumalave, a Real Filharmonía de Galicia non falta á súa cita co Festival Via Stellae para presentarnos, nun intenso e único programa que se o tempo o permite terá lugar nun dos fermosos patios do Hostal dos Reis Católicos, o de San Xoán, as tres últimas e máis célebres sinfonías de Mozart, tres obras dunha expresividade, dramatismo e densidade nunca alcanzados ata entón a pesar de ser escritas nun dos momentos máis duros da vida do compositor.

Con ocasión do 350º aniversario da súa morte, Raquel Andueza e La Galanía achégannos a un dos compositores máis importantes -e tristemente un dos máis esquecidos- do século XVII: organista, violinista e compositor italiano, Tarquinio Merula foi un dos autores máis innovadores no campo da música sacra do Seicento.

Non rematan aquí as homenaxes aos grandes mestres e volven ao Via Stellae Rinaldo Alessandrini e o seu Concerto Italiano. Trinta anos de éxitos en todo o mundo, recoñecementos e premios avalan o rigor da carreira desta agrupación italiana que, sen dúbida, contribuíu decisivamente a revolucionar os criterios para a execución da música antiga. Regresan a Santiago coa súa grande especialidade: os madrigais de Claudio Monteverdi. No mosteiro de San Lorenzo del Escorial foi mestre de capela o pai franciscano Antonio Soler, virtuoso do teclado a quen homenaxea cun concerto monográfico dedicado ás súas sonatas (co seu célebre fandango incluído) o talentoso e eloxiado clavecinista galego Diego Ares.

Reflexo e boa mostra da vocación do festival de explorar e promover o diálogo de diferentes disciplinas artísticas e a fusión de xéneros e diferentes períodos musicais son tamén outros programas como o que, baixo o título Amores pasados, ofrecerá o cuarteto formado polos cantantes Anna Maria Friman e John Potter e os laudistas Ariel Abramovich e Jacob Heringman combinando a sensibilidade de figuras do rock como Sting, Tony Banks (teclista de Genesis) e John Paul Jones (baixista de Led Zeppelin) coa antiga música de Campion e Dowland.

Expresiva e sensible artista, con rica e fermosa voz de mezzosoprano, a italiana Romina Basso proponnos no seu recital en San Fiz de Solovio unha singular, libre e ilustrativa viaxe pola canción española que nos traslada dende o século XVI ata o século XX: dende os vihuelistas renacentistas (Mudarra e Narvaez), pasando pola teatralidade barroca (Marín e Fidalgo) e chegando ata as transcendentais figuras do século XX como Falla, Mompou ou García Lorca.

Os violíns dos arxentinos Manfredo Kraemer e Guadalupe do Moral transportarannos entre dous continentes e durante tres séculos de música: o violín barroco dos franceses Couperin e Leclair, dos xermanos Vierdanck e Bach e do italiano Guerini comparten programa coa música de amantes da súa tradición musical popular como o húngaro Bartók, o arxentino Leguizamón e o brasileiro Pixinguinha.

OFF#Stellae… improvisando!!
Comezando xa no primeiro concerto protagonizado por Uri Caine, a improvisación será o fío condutor este ano das seis propostas do OFF#Stellae, a achega máis alternativa do festival: outras músicas, outras visións, outros espazos... Podemos viaxar no tempo e compartir experiencias marcadas pola liberdade creativa neste OFF#Stellae... improvisando!!, deixándonos levar pola inspiración e a imaxinación de músicos e artistas de variada formación e traxectoria como os pianistas Uri Caine, Brais González e Pablo Seoane, o poeta Estevo Creus, o arpista Manuel Vilas e os percusionistas Roberto Oliveira e o cuarteto Pulsat.

Se Scarlatti apunta a ser a fonte de inspiración do norteamericano Uri Caine a noite de inauguración do Via Stellae, outro mestre barroco como Antonio Vivaldi serao do concerto no que o imaxinativo e inquedo pianista vigués Brais González toma como partida unha das obras máis versionadas e arranxadas de todos os tempos, As catro estacións, para "construir unhas novas Estacións de herdanza barroca, alma atlántica e son universal".

Dous artistas galegos da categoría do poeta Estevo Creus e o pianista Pablo Seoane queren compartir a súa ilusión, fantasía e sensibilidade nun lugar que cada un teremos que descubrir por nós mesmos movidos pola súa poesía e a improvisación da súa música (No lugar do lugar). A percusión é o nexo común de dúas das propostas deste OFF#Stellae… improvisando!! Múltiples, variadas e enriquecedoras son as fontes nas que bebe o programa do emerxente conxunto de percusión portugués Pulsat, un programa que inclúe obras que experimentan con sons da natureza, obras con referencias a sons da tradición (portuguesa, flamenco, ritmos africanos e latinoamericanos), obras que se deixan conducir pola música electrónica, a improvisación ou o espírito libre do jazz etc.

Kableado é un programa de percusión, electrónica e arte visual, con altas doses de improvisación, que inclúe a estrea absoluta de catro obras e co que o galego Roberto Oliveira busca xerar un ambiente propicio para o entendemento destas novas tendencias na arte sonora e fomentar o interese pola música electroacústica. E o compostelán Manuel Vilas trasladaranos á nosa Idade Media coa súa arpa reproducida a partir das dúas arpas representadas no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago: "a arpa de Mateo" a través da que soarán entrelazadas as melodías e xiros dun repertorio tan amplo e fascinante como o medieval.

Entradas
A entrada para 14 dos 19 concertos será de balde, previa retirada de invitacións no despacho do billetes do Teatro Principal, que estarán a disposición do público (cun máximo de 2 entradas por persoa e concerto) a partir do 11 de xuño. Se quedaran entradas o día do concerto poderán retirarse no propio recinto do mesmo dnde unha hora antes de que comece.

Os cinco concertos de pago (Uri Caine, Rinaldo/Ars Atlántica, Ímpetus, Al Ayre Español e Fuoco e Cenere) teñen un prezo cada un de 6 euros e pode adquirirse un abono para os cinco por 20 euros. As entradas poden mercarse a partir do 2 de xuño en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal.

Direccións relacionadas



Compartir: