CONSORCIO

O finlandés Pekka Kuusisto toca esta semana coa Real Filharmonía cun violín de 1752

27/05/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. Este xoves, a orquestra tocará en Santiago, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. E o venres desprazarase a Vigo, onde actuará no Teatro Afundación ás 20:30 horas. En ámbalas citas levará a batuta o director titular da agrupación, Paul Daniel.

As dúas actuacións comezarán co Dobre concerto para violonchelo e violín do compositor alemán do Romanticismo Johannes Brahms (1833-1897). Trátase da súa última obra orquestral e nela escolle a inusual forma dun dobre concerto para violín e chelo. Non se toca con frecuencia, debido á complexidade que supón dispor de dous solistas de contrastada calidade. Nesta ocasión, a orquestra acompañará a dous grandes intérpretes destes instrumentos, o violinista finlandés Pekka Kuusisto e o violonchelista de orixe franco-alemá Nicolas Altstaedt.

Pekka Kuusisto é recoñecido a escala internacional como solista e director. É un gran defensor da nova música, o que o leva a colaborar con regularidade con compositores contemporáneos, moitos dos cales escriben obras especialmente para el. Toca con orquestras de todo o mundo: Reino Unido, Alemaña, Austria, Finlandia, Holanda, Noruega, Suecia, Canadá, Estados Unidos, Singapur ou Australia. En 2013 gañou o Nordic Council Music Prize, un premio que recoñece a súa extraordinaria calidade artística e técnica. Toca un violín de Giovanni Baptista Guadagnini de 1752 cedido pola Fundación Cultural Finlandesa.

Pola súa parte, o violonchelista Nicolas Altstaedt é un dos solistas novos máis fascinantes e relevantes da súa xeración; un artista versátil que se sente igualmente cómodo frecuentando o repertorio clásico, estreando obras contemporáneas ou tocando instrumentos de época. Elixido polo programa New Generation Artists da BBC, de 2010 a 2012 actuou con todas as orquestras da BBC, nos Proms e no Wigmore Hall. Destacan as súas actuacións con orquestras do Reino Unido, Suíza, Austria, Alemaña, Finlandia, países bálticos, Rusia, Nova Zelandia, Venezuela, Australia… Na actualidade é artista en residencia da Filarmonía Austro-Húngara Haydn. Toca un violonchelo Giulio Cesare Gigli construído en Roma en 1770 e un violonchelo moderno de 2012 do luthier alemán Robert König.

A noite transfigurada de Schoenberg
Os concertos de Santiago e Vigo concluirán coa versión de 1943 da Noite transfigurada, de Arnold Schoenberg (1874-1951). Está considerada como a súa primeira obra importante e posiblemente sexa a máis popular do compositor austríaco, que a escribiu en 1899. Inspirouse no poema homónimo de Richard Dehmel, no que un home e unha muller camiñan pola noite por un escuro bosque cando a muller lle conta á súa amante o seu segredo máis sombrío. Tamén o inspirou a irmá do seu profesor, Mathilde von Zemlinsky, con quen se casaría máis adiante; compuxo a obra tan só tres semanas despois de coñecer a súa futura esposa.

Compartir: