EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música pecha o curso 2014-2015 con outros tres concertos

27/05/2015 Chega o fin de curso na Escola Municipal de Música e con el tres concertos que servirán para dar a coñecer o traballo realizado durante estes meses. A concelleira de Educación en función, Maite Cancelo, presentou en rolda de prensa estas tres convocatorias, que levarán as diferentes formacións da Escola e espazos coma o Paraninfo da USC, a praza do Toural e o Auditorio de Galicia.

A primeira das citas é este venres 29 de maio, ás 19:00 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Historia, coa clausura do Curso de Música de Cámara 2015. Os protagonistas serán Víctor M. Collazo (trombón baixo) e Sara E. Olianas (viola).

Ao igual que en cursos pasados, a EMM organizou o Curso de Música de Cámara, dirixido ao alumnado das especialidades de corda friccionada, vento e piano. Os participantes contaron con dúas horas á semana de práctica instrumental ao longo deste trimestre co grupo de cámara asignado.

Música no Toural e concerto de fin de curso
O domingo 31 de maio, a partir das 13:00 horas, porase fin ao ciclo Música nas prazas cun concerto no Toural das orquestras de corda e de iniciación e da banda da Escola Municipal de Música.

Finalmente, o 12 de xuño celebrarase o concerto de fin de curso da EMM. Será no Auditorio de Galicia ás 19:00 horas e participarán máis de 250 alumnos e alumnas, acompañados polo profesorado e as familias.

Estarán as diferentes agrupacións da Escola: Orquestra de Iniciación, Bandiña, Coro Infantil, Coro Xuvenil e de Adultos, Orquestra de Corda, Agrupación Tradicional e Banda de Música da EMM, que interpretarán diferentes pezas de música tradicional. Por razóns de aforo, non participarán os nenos e nenas da modalidade de Música e Movemento (de 3 a 7 anos).

Vacacións en paz
A concelleira tamén deu conta dunha nova edición do programa Vacacións en paz, de acollida de nenos e nenas saharauis. Este verán serán oito os nenos e nenas que convivan con familias compostelás durante os meses de xullo, agosto e setembro. Os rapaces teñen entre 7 e 12 anos e proceden dos campamentos de refuxiados saharauis que están na zona de Tinduf, no sudoeste de Alxeria.

O Concello de Santiago faise cargo das pasaxes destes nenos dende Alxeria e do seu regreso. O aloxamento dos pequenos realízase en casas de familias acolledoras, que se fan cargo dos gastos de alimentación, vestido e doutros que se deriven da súa estadía. Durante a mesma serán sometidos tamén a revisións médicas no Hospital Clínico de Santiago e no Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Compartir: