EDUCACIÓN

As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños poñen en marcha os seus obradoiros de verán

27/05/2015 As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños poñen en marcha outra edición dos seus obradoiros de verán. Estas actividades teñen como obxectivo facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre. Ofrécense 45 prazas, 15 para cada escola.

A concelleira de Educación en funcións, Maite Cancelo, presentou estes obradoiros, destinados a nenos e nenas empadroados no Concello de Santiago de Compostela que cursen os seus estudos (2º ciclo de educación infantil) en centros de educación infantil e primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos (2º ciclo de educación infantil).

Os talleres desenvolveranse durante o período de vacacións escolares de verán: mes de xuño (días 22, 23, 25, 26, 29 e 30), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos) e setembro ( dende o día 1 ata o comezo do curso escolar 2015-2016), coas seguintes modalidades a escoller polos interesados: xuño, 6 días soltos; xullo, mes completo ou días soltos; agosto, mes completo ou días soltos; e setembro, días soltos.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 ás 14:00 horas. Ofrécese a posibilidade de que as familias poidan solicitar ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas).

As tarifas dos obradoiros van dende os 125 euros do mes completo aos 12 euros dos días soltos. Os almorzos dun mes enteiro custarán 30 euros e, en días soltos, 2 euros, mentres que o servizo de comedor terá un prezo ao mes de 75 euros, e de 5 euros en días soltos. Finalmente, as horas soltas, fóra do horario, custarán 15 euros, se se escolle a modalidade mensual, e 3 euros en días soltos.

Solicitudes
As admisións realizaranse por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal ata cubrir as prazas dispoñibles en cada escola. Os nenos e nenas que están matriculados nos obradoiros que se desenvolven ao longo deste curso escolar terán acceso directo.

Os solicitantes terán que cubrir a solicitude e entregala no Rexistro Xeral do Concello de Santiago (rúa Presidente Salvador Allende, 4) ou no Rexistro Auxiliar do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche (rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16).

O impreso de solicitude está dispoñible, xunto coa información complementaria, nas escolas infantís, no Departamento de Educación do Concello de Santiago e nesta web municipal.

Documentos relacionados



Compartir: