XUNTA DE GOBERNO

Raxoi aproba a normativa de seguridade para as cacharelas de San Xoán

22/05/2015 A Xunta de Goberno celebrada esta mañá aprobou as normas de seguridade relativas á celebración das tradicionais cacharelas da noite de San Xoán, tanto para os espazos públicos coma para os privados.

No caso das cacharelas en recintos privados só será necesario realizar unha comunicación previa, mentres que as realizadas en espazo público deberán contar coa preceptiva autorización.

As solicitudes poderán presentarse desde o 1 de xuño ata as 14:00 horas do 17 de xuño e deberán ir acompañadas dun plano de situación no espazo público tanto da cacharela como dos demais elementos instalados.

Na zona urbana, as cacharelas non poderán superar os 3 metros de perímetro nin o metro de altura, mentres que no rural poderán alcanzar ata 6 metros de perímetro e 3 de altura, cunha separación cos edificios, árbores e mobiliario de 12 metros, agás no ámbito urbano.

A normativa advirte tamén da precaución pola proximidade de redes de enerxía e materiais inflamables, así como da prohibición de queimar produtos derivados do petróleo, aerosois ou calquera outro que desprenda fume tóxico.

No caso de situar as cacharelas en lugares públicos enlousados, será preciso protexer o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

Está expresamente prohibida a celebración de cacharelas nalgúns puntos de grande importancia patrimonial como as prazas do Obradoiro, Quintana, Toural, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, Irmán Gómez e Santo Agostiño.

A hora límite para a celebración será as 3:30 horas da madrugada, tal que como establece a normativa da Xunta de Galicia no tocante a festas e romarías populares. Así mesmo, deberase cumprir a normativa para a prevención do consumo de alcohol a menores de idade e, ao remate, os responsables das cacharelas deberán limpar o espazo autorizado e coidar que as cinzas queden totalmente apagadas.

Estas normas fanse extensivas para a celebración de todo tipo de actos durante todo o mes de xuño.

Documentos relacionados



Compartir: