SEGURIDADE E MOBILIDADE

Visita dun grupo de pequenos de 2 a 3 anos ás dependencias da Policía Local

21/05/2015 A Policía Local de Compostela recibiu este xoves a visita dun grupo alumnos e alumnas da Escola Infantil "Os Pequerrechos", do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Uns 25 nenos e nenas de entre 2 e 3 anos percorreron as dependencias da Policía Local e divertíronse subíndose aos vehículos patrulla e facendo soar as sirenas. Ademais, viviron a súa primeira clase de educación viaria a través duns contos moi animados nos que, a través de debuxos animados, aprenderon por onde cruzar a rúa, o modo de comportarse coma viaxeiros ou peóns. Así, quedoulles claro que sempre deben ir ben suxeitos cos seus respectivos cintos e cadeiras cando circulen no vehículo dos pais, e que nunca deben ir sos sen as súas familias pola rúa, xa que os coches poden ser perigosos.

Durante esta animada mañá, os máis pequenos convertéronse en policías, xa que recibiron como agasallo un carné de policía local infantil. Os axentes tamén gozaron desta visita, logrando que os pequenos os perciban como unha figura amiga.

Compartir: