CONSORCIO

Alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais ofrecerán dous concertos para adultos e nenos hospitalizados no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

20/05/2015 Os alumnos do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, protagonizan varios concertos de música de cámara con fins sociais ao longo do ano. Así, este xoves ofrecerán dúas actuacións no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Ambas citas musicais terán lugar ás 12:00 horas.

Un grupo de alumnos visitará a unidade de Pediatría. Os nenos hospitalizados terán a oportunidade de desfrutar de varias obras infantís da man dunha agrupación de cámara.

Ademais, outro grupo de alumnos dará un concerto na área de Oncoloxía. Nesta ocasión serán tocarán seis alumnos: unha frautista, unha oboísta, un clarinetista, un trompista, unha violoncellista e unha percusionista. Achegarán aos internos do Hospital Clínico a obra Serenade, do compositor húngaro de música clásica Ferenc Farkas, e Quinteto, do compositor danés Carl Nielsen.

Tal como indica o xefe de estudos da EAEM, Enrique Meyer, "unha das grandes preocupacións e ilusións da escola é facer chegar a música de cámara a públicos e colectivos que teñen dificultade para achegarse a ela, como é o caso dos menores e adultos hospitalizados. E para os novos intérpretes é unha oportunidade importante para tocar en público e mostrar as súas calidades como músicos cun gran futuro neste eido".

Compartir: