CONSORCIO

O músico Pascual Martínez-Forteza, clarinete da Orquestra Filharmónica de Nova York, toca esta semana coa Real Filharmonía

19/05/2015 A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos. O xoves 21, a orquestra tocará en Santiago, ás 21:00 horas, no Auditorio de Galicia. E o venres 22 desprazarase a Lugo, onde actuará no Círculo das Artes ás 20:30 horas. En ambas citas levará a batuta o mestre madrileño Carlos Domínguez-Nieto. Foi director titular da Ópera de Cámara de Múnich e, desde 2009, é director titular do Teatro da Ópera de Eisenach, en Alemaña. Dende a súa fundación en 1997, é ademais el director titular da orquestra de cámara Concerto München, en Baviera.

As dúas actuacións comezarán coa obra Childrens´s corner (O canto dos nenos), do compositor francés Claude Debussy (1862-1918). Escrita en 1908, o autor dedicoulla á súa filla de tres anos; buscaba achegala ao mundo da música e á esixente práctica do piano dunha forma lúdica. Pero tamén buscou a maneira de evocar a infancia e a súa inocencia a través da música.

A continuación, a orquestra interpretará dúas obras para clarinete. Por un lado, Fantasía española para clarinete e orquestra, do compositor madrileño de ascendencia galega Julián Bautista (1901-1961), autoexiliado en Arxentina nos anos corenta do pasado século, repetidamente galardoado como autor de múltiples bandas sonoras para o cine. E, por outro lado, o Concerto para clarinete do compositor de música clásica e de cine estadounidense de orixe ruso-xudía Aaron Copland (1900-1990). En ambas obras, os músicos acompañarán ao clarinetista Pascual Martínez-Forteza.

Único músico español na Orquestra Filharmónica de Nova York
Pascual Martínez-Forteza naceu en Palma de Mallorca en 1972. Empezou a estudar clarinete aos dez anos co seu pai, profesor do Conservatorio de Música de Baleares e clarinete da Orquestra Sinfónica de Baleares durante 30 anos. Con 18 anos ingresou na Orquestra Sinfónica de Baleares. Despois de obter o título superior nos conservatorios de Baleares e Barcelona, recibiu unha bolsa para estudar en Estados Unidos.

É dende 2001 o único músico español en toda a historia da Orquestra Filharmónica de Nova York. Entre 1998 e 2001 foi membro da Orquestra Sinfónica de Cincinnati. Traballou con directores tan prestixiosos como Daniel Barenboim, Lorin Maazel, Zubin Mehta ou Sir Colin Davis, entre outros. Realizou un gran número de concertos como solista en Europa, Asia e Estados Unidos.

É membro fundador do grupo de cámara Philharmonic Chamber Soloists, integrado por músicos da Orquestra Filharmónica de Nova York. É tamén un dos membros fundadores de Vent Cameristic, grupo de ventos creado por músicos profesionais de toda España.

A Sinfonía nº 59 de Haydn
Os concertos de Santiago concluirán coa Sinfonía nº 59 "Lume", do compositor austríaco Franz Joseph Haydn (1732-1809). É coñecido como o pai da sinfonía pola súa contribución a este xénero musical, xa que compuxo máis dun centenar ao longo de toda a súa traxectoria.

Charla previa co director e co clarinetista
Antes da celebración do concerto do xoves en Santiago, o director Carlos Domínguez-Nieto e o clarinetista Pascual Martínez-Forteza manterán unha charla previa cos asistentes á cita musical. Será ás 20:15 horas na Sala Mozart del Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia CONvers@ndo con, que promove a RFG antes de cada concerto, coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Compartir: