EDUCACIÓN

A obra de secundaria gañadora do XX Certame de Teatro Intercentros representouse no Principal

19/05/2015 O Teatro Principal acolleu a representación teatral dos alumnos de secundaria gañadora da vixésima edición do Certame de Teatro Intercentros, promovido pola Concellería de Educación en colaboración coa Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística. A obra triunfadora foi O incidente, do grupo Vai no Dentista, integrado por alumnos e alumnas do IES Xelmírez I.

Este certame ten como finalidade a dinamización da actividade teatral nos centros de ensino para que o teatro deixe de percibirse como un fenómeno illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais, e pase a incorporarse ao contorno sociocultural do estudante.

Nesta edición participaron os grupos de teatro dos centros CEIP López Ferreiro, CEEPR Aspanaes-Duques de Lugo, CEIP Lamas de Abade, Colexio San Jorge, IES Antón Fraguas, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Pontepedriña, IES Rosalía de Castro, CPI de Vedra, IES Eduardo Pondal e CPPI dos Dices.

Dende o 20 ata o 24 de abril, os grupos dos centros participantes representaron as súas obras nos salóns de actos dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro e da Facultade de Educación. Destas representacións saíu a obra gañadora das categorías de primaria e secundaria, así coma os galardoados cos premios de mellor actor e actriz de ambas categorías. O xurado encargado de escoller aos gañadores estivo composto polo alumnado que asistiu ás representacións e por un grupo de profesionais do teatro.

Tras esta representación, na que se amosou ao público a obra gañadora de secundaria, realizouse a entrega de premios a mellor actor e actriz. A cerimonia presidiuna a concelleira de Educación, Maite Cancelo. O 10 de xuño representarase, tamén no Teatro Principal, a obra gañadora do alumnado de primaria, neste caso Extraescolar, do grupo de alumnado de 6º do Colexio San Jorge.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: