ALCALDÍA

Agustín Hernández recoñece a traxectoria de 125 anos da Cámara de Comercio de Santiago "en beneficio do mundo empresarial e do conxunto da cidadanía"

06/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á presentación da publicación 125 Anos. Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago. O libro repasa a traxectoria deste organismo, do que destacou a súa "vitalidade" e o seu "enraizamento nun territorio no que medrou e ao que fixo medrar, cun labor cun labor constante en beneficio do mundo empresarial e do conxunto da cidadanía".

Lembrando a entrada en vigor en 2014 da lei estatal que regula as cámaras de comercio, Hernández referiuse ao papel decisivo que estas xogan no apoio ás pequenas e medianas empresas á hora de "promover a súa súa creación e a súa consolidación, á hora de buscar financiamento, a internacionalización, a mellora competitiva ou a implantación de melloras tecnolóxicas".

"En todas esas liñas traballa a Cámara de Comercio de Santiago, que ofrece tamén un axeitado marco para a superación de conflitos a través da arbitraxe, a formación e actualización do persoal e dos directivos, sempre coa mirada posta en contribuír a fortalecer o crecemento empresarial e asegurar a sostibilidade que toda empresa debe buscar", indicou o alcalde.

Tamén salientou a súa vertente de órgano consultivo da Administración, servindo como interlocutora co sector público e "colaborando no establecemento e no desenvolvemento das medidas de reactivación económica, na que as empresas son peza clave".

"Para o Concello de Santiago –apuntou Hernández- é unha honra poder participar neste acto de presentación da publicación que resume ese século e cuarto de labor a prol dos intereses xerais, 125 anos de xestións ante as administracións para a mellora de infraestruturas, equipamentos e, en xeral, para incrementar a capacidade competitiva das empresas, e participando tamén de forma activa na vida local e implicándose nos problemas e nas solucións, dunha forma equilibrada, neutral e intersectorial, en correspondencia coa natureza e fins que lle son propios".

O alcalde rematou a súa intervención destacando a "intensidade e eficacia" da relación entre o Concello e a Cámara de Comercio. Felicitou á entidade pola súa traxectoria e expresou o seu desexo de que o seu traballo continúe por moitos anos "para o ben de Santiago, dos outros 31 concellos que integran a súa demarcación e do conxunto de Galicia".

Compartir: