ALCALDÍA

Agustín Hernández destaca a contribución do programa educativo europeo Comenius a "difundir a importancia de manter e conservar o patrimonio público"

05/05/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, abriu as Xornadas do V Encontro Comenius, programa educativo de intercambio no que participa o IES Xelmírez I.

Hernández destacou a ampla gama de actividades deste IES Xelmírez I, entre elas este Encontro Comenius, que "xunta a posibilidade de intercambiar idioma e cultura entre centros de ensino de cinco países e de coñecer as respectivas realidades económicas, sociais e territoriais". Neste sentido, resultoulle especialmente grato que esta xuntanza "ten no coñecemento do medio natural de Santiago e de Galicia un dos seus principais focos de atención".

Mostrouse seguro de que, con programas como este e coa actitude dos alumnos e profesores que nel participan, contribuirase a "difundir a importancia de manter e conservar o patrimonio público, como un ben de todos", un patrimonio no que, indicou, "non só se integran monumentos ou edificios, senón tamén cousas menos tanxibles como a paisaxe, a cultura, os costumes, as tradicións ou a propia lingua"; en definitiva, "cousas todas que nos unen e nos identifican".

O alcalde agradeceulles o seu bo facer a todos os que no Instituto Xelmírez I traballan por ese obxectivo, para facer que "nós mesmos e quen nos visita gocen desa sensación de descubrir o valor do propio e de estimar tamén noutras culturas a riqueza que se encerra na diversidade".

Comenius
O programa educativo europeo Comenius toma o seu nome do apelido dun teólogo, filósofo e pedagogo checo (1592-1670). Considéraselle un dos fundadores da pedagoxía moderna e é coñecido polos seus principios educativos, entre os que destaca o seu concepto do ensino: "Ensinar todo a todos".

Este programa ten por obxecto reforzar a dimensión europea no campo da educación infantil, primaria e secundaria, promovendo a mobilidade e a cooperación entre centros educativos.

O Instituto Xelmírez I é o único centro de Galicia que ten dúas iniciativas Comenius: unha chamada O herdo das culturas e tradicións nunha sociedade pluralista (The heritage of cultures and traditions in a pluralistic society) e outra co titulo O edén está preto de nós (The eden is near us). A través destes dous programas realízanse intercambios cos 10 centros que integran os dous programas, pertencentes a Polonia, Romanía, Bulgaria, Turquía, Portugal, Italia, Eslovenia e Grecia, con diferentes idiomas e relixións.

Compartir: