XUVENTUDE

Comezan as obras do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga

04/05/2015 A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, vén de anunciar o comezo das obras do Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, que foran adxudicadas pola Xunta de Goberno local o pasado 19 de marzo por un importe de 199.560 euros, dos cales o 80% serán achegados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, e o 20% restante polo Concello. O edificio estará situado a carón do CEIP Apóstolo Santiago e da Escola Municipal de Música e conta cun prazo de execución de seis meses.

O Centro Xove nace coa intención de convertese nun espazo para a xuventude da cidade, no cal poidan desenvolver as súas inquedanzas e poñer en práctica o seu labor cultural. O equipamento disporá dun centro de creación artística para diversos usos como actuacións musicais, obras de teatro, conferencias ou obradoiros de formación.

Coa creación deste Centro Xove, dende a Concellería de Xuventude preténdese constituír un equipamento aberto e dinámico no que convivan dende as expresións artísticas máis diversas e vangardistas propostas polos creadores de Compostela ata cursos, servizo de autoedición, informacións de todo tipo, sala de exposicións, locais de ensaio, a creación e a difusión de espectáculos e espazos para actuacións musicais. Trátase de ofrecer un lugar onde os mozos e as mozas de Santiago poidan ver reforzado o seu traballo artístico e a súa capacidade de organización e, ao mesmo tempo, facilitar ao público o acceso ás correntes artísticas máis actuais; todo isto dende a colaboración cos distintos colectivos, proxectos, institucións e circuítos implicados na dinamización da creación cultural.

A dinamización que se pretende para estes espazos municipais quere servir de trampolín dos artistas máis novos que por razóns diversas non contan con lugares estables onde desenvolver o proceso creativo. Con esta perspectiva, unha das funcións deste equipamento é contribuír á igualdade de oportunidades no mundo artístico. Son moitos os colectivos de mozos e mozas de Compostela interesados en promover a arte e as súas formas de expresión entre a mocidade.

Trátase pois de crear un soporte estable, con medios accesibles, xerado polo Concello de Santiago a través do servizo municipal de Xuventude. A mocidade ten cousas que dicir: individual e colectivamente.

O Centro Xove de Creación Cultural contará cun salón de actos, dous camerinos, tres locais de ensaio, un estudo de gravación e zonas comúns coma recepción e aseos.

A concelleira de Xuventude, Maite Cancelo, sinalou que este centro servirá como punto de encontro para os mozos e mozas que exerzan algún tipo de actividade artística, así como para mellorar a súa visibilidade.

As obras que arrancan hoxe teñen un prazo de execución de seis meses. Está previsto que o groso das actuacións se desenvolvan durante os meses de verán para non interromper o transcurso normal da actividade no CEIP Apóstolo Santiago nin na Escola Municipal de Música.

Tramitación
Coa adxudicación do Centro Xove púxose fin a unha complexa situación derivada da sinatura en abril de 2011 dun contrato para a construción deste centro sen ter a dispoñibilidade dos terreos, xa que parte deles eran do CEIP Santiago Apóstolo. A desafectación solicitárase logo da sinatura do contrato, o 3 de maio dese ano, e fora resolta pola Consellería de Educación o 7 de maio de 2013.

Na Xunta de Goberno do 6 de agosto de 2014 aprobouse a redistribución dos fondos do Urbana Norte. Obtívose así o crédito que faltaba, 41.113 euros, para completar o orzamento total do Centro Xove da Almáciga e así poder seguir co novo procedemento de licitación, por un importe de 229.722 euros. Ademais, resolveuse o contrato coa empresa que fora a adxudicataria anterior, trámite que se aprobou o 22 de agosto.

Compartir: