TURISMO

Turismo de Santiago reúnese co novo responsable de Turkish Airlines en Galicia

03/05/2015 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, vén de reunirse co novo responsable de Turkish Airlines en Galicia, Ertan Alpay, para estudar novas accións de promoción da conexión entre o aeroporto de Santiago e o hub da compañía turca en Estambul como porta de entrada do turismo asiático na cidade. Ertan Alpay foi nomeado responsable da aeroliña en Galicia a mediados deste mes de abril en substitución de Yahya Zahid Sensoy, que á súa vez foi nomeado director xeral da compañía en Madrid.

Turkish Airlines inaugurou a súa conexión entre Estambul e Santiago o 21 de maio do ano 2013, con tres frecuencias semanais. Naquel ano a compañía tivo preto de 20.000 pasaxeiros. O ano pasado, a cifra de pasaxeiros elevouse ata máis de 33.000. Nos tres primeiros meses deste ano xa transportou máis de 5.000 pasaxeiros, polo que a cifra total ronda xa os 60.000 pasaxeiros.

Turismo de Santiago e Turkish Airlines traballan conxuntamente con anterioridade a que a compañía implantase a súa conexión entre Estambul e Santiago no 2013, co obxectivo de consolidar a conexión como unha porta de entrada do turismo asiático en Santiago. A colaboración entre as dúas entidades plásmase nun convenio, que se asinou por primeira vez a comezos de 2013, en Fitur, meses antes de que a conexión comezase a operar.

O convenio renovouse nos anos 2014 e neste 2015, amosando o compromiso de Turismo de Santiago e Turkish Airlines co aumento do tráfico asiático no aeroporto. Os convenios pasados permitiron que se organizaran múltiples accións, como viaxes de xornalistas, turoperadores e axentes de viaxe a Santiago, que se fixeran eventos de promoción en Xapón, que Santiago participara por primeira vez na EMITT, principal feira turística de Turquía, ou que se patrocinasen eventos organizados dentro do Ano Dual Xapón España.

O convenio deste ano permitirá que ambas entidades desenvolvan múltiples accións de promoción de Santiago, que incidirán na oferta cultural e gastronómica da cidade. Gracias ao convenio, que non ten ningún tipo de contrapartida económica, Santiago e a conexión co hub de Turkish Airlines en Estambul poderán promocionarse en distintos eventos que terán lugar en países nos que opera a compañía.

Dende Turismo de Santiago, considérase que a conexión co hub de Estambul de Turkish Airlines é unha ferramenta estratéxica para aumentar a presencia dos mercados asiáticos en Santiago, grazas á ampla rede de conexións que ten a compañía turca. En especial, destacan o mercado xaponés e o de Corea do Sur, mercados que cada vez teñen maiores posibilidades para a cidade. Por exemplo, o ano pasado, Corea do Sur foi o octavo país con maior número de peregrinos, con 3.840, e Xapón superou por primeira vez na historia o millar de peregrinos, con 1.095.

Compartir: