EMPREGO

O Foro da Intermediación e o Emprego permite coñecer experiencias de éxito para reincorporarse ao mercado laboral ou conseguir a primeira oportunidade

29/04/2015 Santiago está a acoller un ano máis o Foro da Intermediación e o Emprego que reúne este mércores e xoves no Palacio de Congresos ás 3.000 persoas inscritas nas 62 actividades de formación e encontros con empresas. A estas cifras hai que sumar as máis de 100 ofertas de emprego das 63 empresas adscritas, ás que se apuntaron máis de 8.000 persoas.

Como novidade desta cuarta edición, o Foro está a permitir coñecer unha serie de experiencias de éxito de persoas que conseguiron reincorporarse ao mercado laboral ou obter a súa primeira oportunidade. En formato coloquio foron relatando as súas experiencias esta mañá, onde a formación, a capacidade de reinventarse e a constancia permitíronlle o éxito no seus actuais desempeños como comercial de vehículos, recepcionista dun centro de ocio, técnico de control de calidade ou terapeuta ocupacional. Paralelamente a este coloquio celebrouse tamén un encontro entre administración pública e axentes sociais no que participou a concelleira de Economía, Reyes Leis.

Este Foro ten como principal obxectivo converterse no punto de unión entre empresas e demandantes de emprego en activo. Para estes existen talleres de orientación laboral, de simulación de entrevistas ou de preparación de currículos, entre outras actividades.

Actividades para o xoves 30
O Foro da Intermediación e o Emprego, organizado pola Axencia Local de Colocación do Concello de Santiago e cofinanciado polo Fondo Social Europeo, continúa este xoves con novos casos de éxito e coa presentación de empresas como Carrefour, R Telecomunicaciones, Mn Program, Servitalent, Factor Enerxía, EGA Consultores e outras que estiveron este mércores e repiten como Arestora Consultores, Vegalsa e Decathlon.

Ademais, a xornada contará tamén con diferentes obradoiros para facilitar a busca de emprego a través das redes sociais. Os candidatos poderán achegarse para enviar o seu currículo, a través do Espazo Dixital do Foro da Intermediación e o Emprego, en formato dixital, ás máis de 60 empresas que están inscritas a esta vía de recepción.

Documentos relacionados



Compartir: