EDUCACIÓN

Xornada de contacontos para reforzar a educación viaria dos máis pequenos en tres centros escolares do municipio

29/04/2015 A concelleira de Educación, Maite Cancelo, participou esta mañá na sesión de contacontos musical de educación viaria baseada no libro-CD aXente Corrente, Galo Mirindolo que se celebrou na Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños. Trátase dunha das actividades enmarcadas dentro do programa didáctico de educación viaria aXente Corrente, realizado por Agasalle Contenidos en colaboración co Concello de Santiago a través do seu Departamento de Educación. Ao longo da mañá realizáronse outras dúas sesións no CEIP Rodríguez Xixirei e no Colexio Vilas Alborada.

Este programa, realizado ao longo do presente curso escolar, consiste nunha proposta de educación viaria infantil que permite, a través dunha acción educativa multidisciplinar, promover un cambio de actitudes e hábitos no comportamento viario dos máis pequenos, unha maior concienciación e a necesidade de ter un comportamento máis seguro.

Ademais, a iniciativa ten como obxectivos dotar de responsabilidade aos nenos e nenas dentro do vehículo e nas vías públicas, iniciar e reforzar conceptos de educación viaria. Búscase que os cativos aprendan a familiarizarse e recoñecer os elementos que constitúen a linguaxe de tráfico (semáforos, beirarrúa, calzada, paso de peóns....), que descubran e recorden a importancia das normas e sinais de tráfico e que adquiran hábitos de conciencia cidadá referidos á circulación, así como fomentar a autonomía persoal.

Nesta iniciativa participan, ao longo do curso, máis de 1.200 escolares pertencentes a os CEIP López Ferreiro, Vite, Mestre Rodríguez Xixirei, Quiroga Palacios, Pío XII e As Fontiñas; ás escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños; e aos colexios Vilas Alborada e Junior´s.

Ademais da actividade de contacontos musical de educación viaria aXente Corrente, Galo Mirindolo, celebrada esta mañá por conta dunha educadora e un mestre de música, o programa conta con diferente material didáctico de apoio co que cada centro traballa conceptos de educación viaria, coma o libro-CD aXente Corrente, un caderno con propostas didácticas e un libro-guía para o profesorado.

Compartir: