ALCALDÍA

O alumnado da Escola Municipal de Conxo contribúe a financiar unha operación para un neno con parálise cerebral a través dunha campaña didáctica e solidaria

28/04/2015 Os alumnos e alumnas da Escola Municipal de Conxo fixeron entrega esta mañá dos tapóns recadados na campaña solidaria Proxecto de arte a Matías Rey Mourelle, un neno de 7 anos veciño do concello de Brión que padece parálise cerebral. No acto estiveron presentes o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, e a concelleira de Educación, Maite Cancelo.

A familia de Matías Rey solicitaba mediante a súa páxina de Facebook axuda para recadar diñeiro para as operacións que o neno precisa para poder camiñar. Un membro do equipo educativo da Escola Municipal de Conxo, coñecedor do caso de Matías, trasladou a inquedanza ao centro, onde se decidiu poñer en marcha unha campaña de recollida de tapóns, que despois se venden para recadar fondos.

Pero non se tratou dunha campaña habitual, senón que dende a escola buscouse integrar a recollida dos tapóns dentro da programación didáctica. Así, buscábase traballar cos alumnos e alumnas uns obxectivos e contidos relacionados coa solidariedade e a axuda aos demais. Esta actividade supuxo unha total implicación e colaboración por parte tanto do profesorado como das familias dos nenos e nenas.

Dentro da finalidade didáctica, este proxecto incorporouse a outros contidos que se traballan a diario cos cativos de entre 0 e 3 anos, como a clasificación por tamaños e cores, encher espazos mediante a técnica do mosaico, o que permite o desenvolvemento de habilidades de motricidade e coordinación óculo-manual e, por suposto, o gusto pola arte, que se representa nun mural que conforma e resume toda a actividade e que é un agasallo para Matías.

A Dirección da Escola púxose en contacto coa familia para facerlles chegar o proxecto, que acolleron con moita ilusión. A visita que Matías realizou ao centro sirve para reforzar os valores de solidariedade e xenerosidade que con esta actividade se buscaba transmitir.

Ademais, dende o centro espérase que, grazas a todos os tapóns, a familia de Matías poida reunir fondos para a operación que lle permita camiñar.

Compartir: