CULTURA

Concerto da Banda Municipal de Música coa colaboración de Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia

24/04/2015 A Banda Municipal de Santiago e a Real Filharmornía de Galicia unen forzas para ofrecer a todos os melómanos de Compostela un concerto moi especial. A Banda ofrecerá, dentro do seu concerto dominical, a obra A double bass fantasy, do compositor catalán Moisès Bertran, acompañada por Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía. Esta obra foi composta por solicitude do contrabaixista húngaro Ivan Stankov e foi estreada en xaneiro de 2014 na cidade de Barcelona.

A Banda abrirá o concerto coa Sinfonietta nº2 do compositor inglés Philip Sparke, seguirá con Viva música!, do compositor americano Alfred Reed, e pechará a súa actuación coa suite Spartacus, do compositor soviético Aram Khachaturian.

O concerto celebrarase este domingo 26 de abril, ás 12:00 horas, no Teatro Principal, con entrada libre ata esgotar localidades, sendo un concerto máis dos que a Banda está a ofrecer dentro da súa tempada de primavera.

Será tamén unha oportunidade para convidar o público ao concerto do 10 de maio, en homenaxe a Amador Santos Bartolomé, quen foi director da Banda Municipal máis de 40 anos.

Documentos relacionados



Compartir: