ALCALDÍA

Hernández aposta por converter o centro histórico de Santiago nun "conxunto eficiente, intelixente e cun mellor servizo, tanto aos seus cidadáns como aos seus visitantes"

21/04/2015 O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, asistiu á apertura da terceira edición do Congreso Cidades dixitais, a tecnoloxía aplicada a un novo concepto de sociedade, organizado pola Confederación Española de Empresas do Sector TIC (CONETIC). Estas xornadas desenvólvense entre hoxe e mañá no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.

Hernández expresou o "privilexio" que para a cidade supón albergar unha cita na que se tratarán "aspectos que marcan a vangarda da evolución dos servizos cidadáns nas principais urbes de España e do mundo". Neste ámbito, afirmou que o Goberno municipal de Santiago "vén traballando dunha forma decidida, co obxectivo de lograr unha planificación estratéxica que responde a ese proceso evolutivo que se define co concepto de Cidade Intelixente ou Smart City, para a mellora da xestión diaria da Administración local".

Lembrou a participación activa da cidade en asociacións e foros específicos, como a Rede Española de Cidades Intelixentes (RECI) e a Rede INNPULSO de cidades da Ciencia e a Innovación, ou en programas europeos coma o Plan para a Eficiencia Enerxética das Cidades, xunto a outros 17 socios de 13 países, de cidades, centros de investigación e empresas.

"A nosa principal aposta neste terreo agrúpase nunha planificación estratéxica que denominamos Smart iAGO, orientada a aportar soluciones tecnolóxicas que teñan en conta as particularidades diferenciais dunha Cidade Patrimonio da Humanidade", explicou o alcalde. É este un proxecto "ambicioso e novidoso" –dixo- para "desenvolver tecnoloxías innovadoras, tendo en conta as necesidades concretas de xestión do Concello de Santiago, co obxectivo de ofrecer mellores servizos aos cidadáns e que implica a un gran número de axentes do sistema de I+D+ i local, sector de gran relevancia no tecido económico da nosa comarca, onde reside un gran número de empresas do sector tecnolóxico de Galicia".

Segundo apuntou Agustín Hernández, "o obxectivo final de Smart iAgo é converter o centro histórico de Santiago de Compostela nun conxunto eficiente, intelixente e cun mellor servizo, tanto aos seus cidadáns como aos seus visitantes". Con esta estratexia posta en marcha, engadiu, "Santiago vai camiño de converterse na primeira Cidade Patrimonio de España en desenvolver un proxecto deste tipo", unha circunstancia que permitirá que "as nosas experiencias poidan aplicarse despois a outras Cidades Patrimonio de España e de Europa".

"Trátase dun reto tecnolóxico para articular solucións innovadoras que lle dean resposta aos retos formulados nunha cidade concibida na Idade Media, pero que ten que responder ás demandas da cidadanía do século XXI", apuntou. Entre estas demandas citou a mellora da administración electrónica, cunha iluminación máis eficiente, coa redución de emisións á atmosfera, as melloras no transporte público, unha maior participación da cidadanía no goberno da cidade e, en suma, a optimización dos principais servizos públicos que contribúen a mellorar a calidade de vida da poboación".

Compartir: