CULTURA

O Retrete de Dorian Gray estrea "In Memoriam" na Zona C dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués

21/04/2015 A Zona C acollerá esta semana, e dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués, a estrea de In memoriam, de O Retrete de Dorian Gray. Poderá verse do mércores 22 ao domingo 26 de abril ás 20:30 horas (agás domingo, que será ás 19:30 horas). Trátase dunha proposta de teatro de obxectos, un espectáculo sen palabras cunha duración de 50 minutos. Dirixido por XRON, está protagonizado por Ezra Moreno e Marcos PTT Carballido, con iluminación de Fidel Vázquez e produción de Belem Brandido.

"Coñeza a Percival. Ou o que queda del. Un feixe de recordos, un fato de fotos. Vexa unha serie de calamitosos esforzos para deixar de non ser, para frear o inevitable paso do tempo. En fin, todos os ingredientes dunha boa comedia. O Retrete de Dorian Gray estrea a súa nova peza de longa duración, un espectáculo en dúas dimensións. Aprópianse das imaxes de persoas que viviron hai máis de cen anos para darlles una nova vida coas mans. Fotos animadas, bailadas, vivindo momentos que nunca viviron e facendo cousas que nunca se atreveron a facer, ou quizais si?".

As entradas teñen un prezo de 8 euros (6 euros o mércores, día do espectador) e están enmarcadas dentro do Bono de Teatro Galego e Portugués. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas), ou na Zona C dende unha hora antes de que comece a función.

Compartir: