TURISMO

Trece produtores galegos participan no Workshop de Compostela Gastronómica

19/04/2015 Compostela Gastronómica, Festival da Cociña Galega, celebra a súa segunda edición do 16 ao 21 de abril. Entre as grandes novidades que presenta nesta ocasión está o Workshop Produtores, un espazo de encontro e networking entre produtores e profesionais e expertos dos sectores de alimentación, gastronomía e restauración de Santiago e de Galicia.

Un total de 13 produtores, procedentes de diversos puntos da xeografía galega, tomará parte neste primeiro Workshop o luns 20, en horario de 17 a 19 horas, na Nave 5 do Mercado de Abastos de Santiago: Ánades Galicia, dedicada á cría e elaboración de produtos de pato; as Bodegas Jesús Nazareno; a Cooperativa Campo Capela, de produtos lácteos e derivados; a Cooperativa Condado Paradanta, de elaboración de requeixo e mel; a D.O.P. Pemento de Herbón; Embutidos Lalinenses; Congelados José Bermúdez; a Cooperativa Milhulloa, de plantas medicinais e aromáticas e deshidratado de verduras; a Cooperativa Monte Cabalar; Pulponor, de comercio ao por maior de pescados, mariscos e conxelados; a Cooperativa Vicogalo, de produción de Galo Celta, e as cooperativas vitivinícolas Viña Moraima e Virgen de las Viñas.

A fin de semana en Compostela Gastronómica estivo protagonizada por unha serie de obradoiros destinados aos máis pequenos da casa. Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 12 anos, o sábado 18 e o domingo 19 celebráronse na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos os obradoiros "Minipizzas da horta galega", "Almorzos para mamá" e "Cócteles sen alcohol". Completou a oferta de actividades infantís "Volta á tradición de facer pan en familia", un orixinal obradoiro no que Iago Castrillón e Eladio Pazos fixeron posible que pais e fillos compartiran a experiencia de facer pan en familia e divertirse xuntos, recuperando a tradición de elaborar este produto na casa.

O festival Compostela Gastronómica é unha iniciativa organizada por Turismo de Santiago que conta cun sinal de identidade diferenciado: o produto galego que se pode encontrar no Mercado de Abastos da cidade, centro das actividades do seu programa. Toda a información sobre esta nova edición pode seguirse nas contas de Twitter, Facebook e a través da web www.compostelagastronomica.es.

Compartir: