CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Serea Estremeña, próximo destino do programa "Imos de excursión 2015"

11/04/2015 A Concellería de Cultura continúa coa programación de Imos de excursión 2015. Nesta ocasión programouse unha viaxe de tres días a Estremadura, onde os participantes visitarán a cidade de Mérida, a comarca de La Serena e Almendralejo, os días 1, 2 e 3 de maio.

O primeiro día visitarase Mérida cun guía oficial, onde se poderá contemplar o esplendoroso pasado da cidade, que se manifesta a través dos conxuntos monumentais e arqueolóxicos mellor conservados de España, entre os que destacan o Teatro Romano, o Anfiteatro, a Ponte Romana, o Templo de Diana, o Arco de Triana ou o Museo Nacional de Arte Romano.

Durante a segunda xornada, os visitantes coñecerán a comarca de La Serena. Pola mañá visitarase Magacela, parando no Santuario de Nuestra Señora de los Remedios, o Castelo e a Ermida de San Antonio de Papua. A continuación, a excursión trasladarase a Campanario, onde ademais das súas rúas e prazas visitarase a igrexa e o convento das Clarisas, a igrexa de Nuestra Señora de la Asunción e a Ermida dos Mártires. O próximo destino é Castuera, onde os viaxeiros atoparán monumentos coma a Igrexa de Santa María Magdalena, o Pósito del Concejo, a Ermida de San Juan Bautista ou o Santuario de Nuestra Señora del Buen Suceso. Haberá un xantar nun restaurante concertado e continuarase ata Zalamea de la Serena, un dos pobos máis bonitos da comarca, onde destaca o castelo, a casa de Pedro Crespo, a Real Capilla del Santísimo Cristo de la Quinta Angustia e a Igrexa dos Milagros. A última parada do día terá lugar en Valle de la Serena, co seu monumento aos mártires, o Museo Casa Labriega e a igrexa parroquial.

O último día de excursión, antes de emprender a volta a Santiago, visitarase Almendralejo, onde destaca o parque de La Piedad e o seu santuario, o Museo Devocional, a Praza de Touros e o Museo de las Ciencias del Vino. Outros monumentos importantes son o Convento de San Antonio, convento de frailes franciscanos construído no S.XVII, actualmente dedicado a Casa da Cultura tras unha laboriosa restauración. No centro da poboación temos un dos edificios máis importante e característico da vila, a igrexa parroquial Ntra. Sra. de la Purificación. Destacan os seus pazos e casas solariegas, testemuñas do pasado señorial da localidade como o Palacio de los Condes de Osilo, o dos Condes de la Oliva, o Palacio de Monsalud ou o Palacio de los Marqueses de La Colonia.

O prezo da viaxe é de 175 euros por persoa e inclúe a viaxe en autocar, aloxamento nun hotel de entre dúas e tres estrelas en Almendralejo en réxime de pensión completa e habitación dobre, unha comida concertada na comarca da Serena, visitas guiadas, entradas ao teatro e o anfiteatro romano e seguro de viaxe.

Os interesados en participar nesta nova actividade do programa Imos de excursión 2015 poderán inscribirse a partir do xoves 16 de abril ás 17:00 horas nos centros socioculturais.

Compartir: