EDUCACIÓN

Cociña para os máis pequenos na segunda edición de Kid´s Garden Master Chef

06/04/2015 Regresa unha nova edición do concurso de cociña Kid´s Master Chef, organizado pola escola infantil Kid´s Garden en colaboración co Concello de Santiago, o Real Aeroclub de Santiago, o Grupo Correo Gallego e o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Celebrarase o sábado 18 de abril e poderán participar nenos e nenas de entre 3 e 9 anos.

A concelleira de Educación, Maite Cancelo, presentou o concurso e resaltou o feito de que a afección e o gusto pola cociña foi crecendo paulatinamente ata chegar aos máis pequenos. Ademais, dende a escola infantil Kid´s Garden sinalaron que o contacto dos cativos coa cociña ten unha forte carga educativa, posto que lles permite introducirse no proceso de elaboración dos alimentos que toman no día a día, coñecer os ingredientes cos que están elaborados, ou participar na posta en marcha e coidado da horta escolar.

Todas estas tarefas contribúen a que a súa alimentación cobre un novo sentido e lévaos a valorar os alimentos na súa totalidade superando os "non me gusta". Saber porqué un alimento é saudable e outros o son menos axuda aos máis pequenos a asumir de forma consciente certas dietas.

Elaboración dun prato frío
O concurso consiste na elaboración por parte dos participantes, que competirán nun grupo de entre 3 e 5 anos e noutro de entre 6 e 9, dun prato de libre elección de elaboración fría, é dicir, que non precise de lume nin forno. Pode tratarse de canapés, brochetas, batidos, smoothies, pasteis, etc. Disporán dunha hora para realizar as súas elaboracións.

Os concursantes deberán levar a totalidade dos ingredientes da casa así como, de ser preciso, o batedor, os recipientes para a elaboración e os pratos ou vasos para a súa presentación.

O xurado, composto por representantes da organización, terá en conta á hora de valorar os pratos a súa orixinalidade, a orde e a limpeza do posto durante a elaboración, a presentación, o sabor, o carácter saudable do produto presentado e a explicación feita ante o xurado do prato, así como o seu método de elaboración.

Cada unha das categorías contará con tres premios e todos os participantes recibirán un diploma conmemorativo. O primeiro premio será unha estancia dunha noite con cea nunha casa rural, o segundo unha cea nos restaurantes A Grella ou Sixto II e, o terceiro, un MP4.

Previamente ao concurso, que dará comezo en torno ás 12:00 horas, terá lugar unha clase práctica na que un chef profesional ensinará aos participantes a elaborar un novo prato. Será ás 11:00 horas.

Inscrición
Os nenos e nenas interesados en participar nesta segunda edición de Kid´s Master Chef deberán inscribirse, de forma gratuíta, antes do 13 de abril, enviando un correo ao enderezo electrónico yalsalirdelcole@kidsgardensantiago.com, no apareza o nome, a data de nacemento, o curso e o colexio no que estuda, o nome dos pais, o enderezo e o prato co que concursa.

Ofrécense 100 prazas e a admisión realizarase por rigorosa orde de inscrición.

Direcciones relacionadas



Compartir: