XUNTA DE GOBERNO

Concello e Cámara de Comercio porán en marcha un Programa de Apoio ao Emprego

31/03/2015 A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria, aprobou a sinatura dun convenio coa Cámara de Comercio, para desenvolver o Programa Local de Apoio ao Emprego. Este plan inclúe accións formativas e de orientación laboral, incentivos á contratación e a celebración dunha feira do emprego.

Segundo explicou o alcalde, Agustín Hernández, "este Programa Local de Apoio ao Emprego é unha convocatoria subvencionada con fondos europeos para desenvolver feiras de emprego e accións formativas. Para optar á subvención é preciso presentar unha proposta conxunta da Cámara de Comercio e do Concello na que se comprometa por ambas partes o cofinanciamento dun 20% do gasto elixible".

O Programa Local de Apoio ao Emprego contempla entre as súas accións a realización dunha Feira de Emprego, para favorecer as posibilidades de inserción das persoas desempregadas, que levará a cabo o Concello. Tamén inclúe un servizo de orientación, cunha duración de 10 horas por alumno/a, dirixido a 32 participantes, que organizará a Cámara de Comercio de Santiago.

O capítulo formativo do Programa complétase coa realización de dúas accións formativas, sobre enerxías renovables e contabilidade e facturación, de 200 horas de duración e para 16 persoas desempregadas cada unha, a executar tamén pola Cámara.

Finalmente, abrirase unha liña de axudas para incentivos á contratación, dirixido a empresas que contraten a persoas participantes no programa, con 8 axudas, que teñen por obxectivo incorporar ao mercado laboral ao 25% dos participantes nas accións formativas.

A execución destas acción ten como data límite o 31 de decembro de 2015 e o orzamento total do programa alcanza os 186.079 euros, dos que un 80% procede do Fondo Social Europeo (148.863 euros) e o 20% restante achégano o Concello (27.616 euros) e a Cámara de Comercio (9.600 euros).

Colaboración en programas europeos
Nesta mesma Xunta de Goberno aprobouse outro convenio marco, neste caso a subscribir coa Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), para a colaboración en programas de financiamento europeo.

O obxecto deste acordo é fundamentar as bases para a cooperación recíproca na execución de proxectos que se desenvolvan no marco de programas de cofinanciamento europeo que presenten un interese para ambas entidades e que permitan acadar os resultados definidos nunha proposta de axuda, así como a optimización na xestión dos recursos ao longo da súa execución.

A colaboración está dirixida a: compartir o persoal técnico e administrativo; compartir infraestruturas; colaborar en actividades de formación, difusión e transferencia de coñecemento; participar en eventos, seminarios e congresos, deseñar sistemas que permitan o intercambio de documentos e información; e calquera outra actividade de carácter técnico que se recolla na proposta de axuda que motive a concesión de financiamento por parte da Comisión Europea.

Este acordo marco terá unha duración de dous anos e poderase prorrogar indefinidamente en períodos doutros dous anos de mutuo acordo por ambas partes.

Documentos relacionados



Compartir: