PLENO

A norma reguladora do plan "Santiago Suma" garantirá a posta en marcha do novo catálogo de prestacións e medidas de inclusión social

27/03/2015 O Pleno municipal deu o visto bo inicial á ordenanza reguladora do Programa "Santiago Suma", cos votos favorables do PP e coa abstención dos grupos socialista e nacionalista. Esta ordenanza recolle o contido do plan integral presentado recentemente e que supón un reforzo das medidas de inclusión social adoptadas por outras administracións. Inclúese así o novo catálogo de prestacións e medidas, no cal figura, entre outras, a renda de solidariedade activa.

Esta nova ordenanza supón a reformulación do regulamento existente dende 2004, que tiña como principal medida contra a pobreza e as insercións as chamadas Mapis (Medidas de Apoio para a Prevención e a Inclusión Social). Agora articúlanse novas medidas e recursos no marco dunha estratexia integral de inclusión activa cara a unha inserción laboral efectiva.

O catálogo de prestacións e medidas recollido na ordenanza contempla a renda da solidariedade activa, unha axuda periódica de natureza económica, para gastos asociados ás necesidades básicas e os derivados dun proceso de inclusión activa.

Tamén se inclúen axudas para afrontar situacións de risco ou de emerxencia social; así como para gastos de manutención, aloxamento, subministracións básicas, mantemento de vivendas, promoción da autonomía persoal e outras situacións que se consideren de extrema gravidade. As prestacións do catálogo complétanse coas axudas para a prevención e a inserción social do colectivo infantil e xuvenil, para o fomento da autonomía persoal de persoas dependentes ou con discapacidade ou para o impulso de proxectos formativos con fin laboral.

Minuto de silencio
Antes de iniciar o debate dos puntos da orde do día, os membros da Corporación gardaron un minuto de silencio en recordo das vítimas do accidente aéreo acontecido este martes nos Alpes.

Compartir: